Hai ben pouco nun programa de televisión, con formato preguntas e repostas, preguntaron cal foi o primeiro Reino Occidental dentro dos límites do Imperio Romano que se estabeleceu na provincia romana Gallaecia. A resposta do concursante foi: O reino visigodo. Esta resposta errada podería pasar desapercibida mais chamou a atención do público nas redes sociais xa que era outro exemplo do peso da construción do relato historiográfico español, que ao longo do tempo ocultou o Reino de Galiza.
En liñas xerais, é coñecido que na Gallaecia estiveron os romanos, a presenza árabe no sur da península ibérica e mesmo a presenza dos propios visigodos. De feito, case calquera persoa acertaría se lle preguntan se os romanos estiveron na península ibérica. Pola contra, pouca xente sabe da existencia dun reino galego constituído polos suevos e que foi o primeiro en estabelecerse dentro dos límites do Imperio Romano de Occidente.
Cal é o motivo? Pois ben, a historiografía española creou un falso relato histórico no século XIX para xustificar e reafirmar a existencia dunha suposta nación milenaria española na que os visigodos terían un papel fundamental da súa fundación.
Neste contexto, o reino suevo -proscrito nos manuais académicos- desmonta este relato construído cunha clara intencionalidade política e con pouco valor historiográfico mais que, debido á elaboración dese relato nacional español, penetrou por todas as vías (académica, discursiva política hexemónica, literaria ou mediática) en millóns de persoas de diferentes xeracións. Cabe destacar que no nivel europeo tampouco houbo un trato merecido que desbotase este discurso hexemónico naquela altura mais a día de hoxe é ben diferente. Nesta situación, o traballo levado adiante por colectivos, asociacións e historiadores foi fundamental para poñer en valor e visibilizar a existencia deste período histórico.
Nos últimos anos contamos con exposicións de éxito, publicacións de estudos, proxectos institucionais, como este levado adiante polo Departamento de Cultura da Deputación da Coruña, ou mesmo un documental na TVG que se converteu no programa máis visto na súa páxina web, síntoma do interese das galegas e galegos pola nosa historia.
Despois desta reflexión, quero centrar en 10 datos que considero vitais para podernos introducir no Reino Suevo de Galiza e que servirán como axuda para posteriores ampliacións das vosas pesquisas e procesos de documentación e información.
- No inverno do ano 406, os suevos, vándalos e alanos, cruzaron o Rin, que na altura marcaba os límites do Imperio Romano. Ao longo dos anos foron avanzando cara o sur do Continente Europeo, cruzando a Galia e entrando na Península Ibérica no ano 409, tomando rapidamente o control desta e repartíndose os distintos territorios. No caso dos suevos, fixéronse coa provincia romana da Gallaecia nuns anos de extrema debilidade do Imperio Romano.
- Cómpre destacar que os suevos acabaron por instalarse na provincia de Gallaecia, concretamente na súa zona máis occidental, no que hoxe é Galiza e o norte de Portugal, compartindo a provincia durante uns dez anos cos vándalos (silingos), instalados estes na zona máis oriental da Gallaecia até que no ano 420 acabaron por abandonala e trasladarse á Bética.
- A relación dos romanos e os suevos xa viña de vello, de feito a fronteira do Rin non implicaba un muro que impedise o contacto, e ao longo dos anos a relación entre os romanos e os pobos xermánicos foi importante. A incapacidade para poder controlar e xestionar todas as terras por parte do Imperio Romano, levou a un foedus (pacto) no ano 411, data que nos serve para falar da fundación no territorio da Gallaecia dunha nova entidade, o Reino Suevo de Galiza, que aínda até o ano 476 estará adaptado formalmente á estrutura do propio Imperio. Este pacto tiña unha cláusula de asistencia militar en caso de conflito.
- O nacemento do Reino Suevo de Galiza converteuno no primeiro reino medieval de Occidente dentro dos límites do Imperio Romano, xa que a maioría dos novos reinos xurdiron após a caída do imperio no ano 476.
- O primeiro rei suevo da Gallaecia foi Hermerico, quen tivo un papel moi importante dirixindo o paso do Rin. Durante o seu mandato, as relacións cos romanos foron cordiais e acuñou moedas de prata baixo o nome de Honorio. Cedeu o trono ao seu fillo Requila no ano 438 e faleceu en Mérida no ano 441, despois de 7 anos de enfermidade.
- Requiario reinou entre os anos 448-456 e foi sen dúbida un dos reis máis importantes de todo o período suevo xa que formou parte desa primeira xeración de suevos que naceron en territorio da Gallaecia, con todo o que isto implica. Ademais, apenas un ano despois de acceder ao seu reinado, proclamou a conversión oficial ao cristianismo do Reino Suevo, sendo o primeiro dos pobos xermánicos en converterse. O seu nacemento en territorio galaico e a conversión ao cristianismo, implicou unha fusión case total entre os suevos e os galaicorromanos. Por último, non podemos esquecer algo tan importante como é a acuñación de moeda propia, por primeira vez figurando a presenza do rei suevo, concretamente baixo o lema “Por orde do rei Requiario” o que supón xa unha total autonomía do propio reino.
- Aproveitando a debilidade de Roma, a expulsión dos vándalos ao norte de África e que os visigodos aínda non fixeran propios os distintos territorios da Península Ibérica, o Reino Suevo iniciou unha campaña de extensión cara o sur, dominando a maioría da parte occidental no seu momento de maior apoxeo e saqueando cidades como Mérida ou Sevilla. Con estas accións rompen os acordos, invadindo provincias como a tarraconense, o que desencadearía na intervención dos visigodos no ano 456, quen sairían vitoriosos e mesmo chegarían a saquear Braga, a capital do reino.
- A famosa batalla do río Órbigo no ano 456 enfrontou aos suevos e aos visigodos, cando estes primeiros buscaban a ampliación dos seus dominios, iso si, contra o criterio de Roma. Isto provocou a intervención de Teodorico, derrotando ás forzas suevas e perseguindo a Requiario até a propia Braga. Requiario foi detido en Porto e conducido até Sevilla para posteriormente ser executado. Con todo, o reino suevo non desapareceu froito da necesidade do rei Teodorico de regresar á Galia para conter a presión dos francos.
- Un dos documentos máis importantes do período que comprendeu o Reino Suevo é o Parrochiale suevum, un documento do século VI (ano 570) no que vemos a organización administrativa e eclesiástica do Reino Suevo, contando con 134 parroquias organizadas en trece dioceses. Segundo conta Anselmo López Carreira no seu libro “Historia de Galicia”, as dioceses serían practicamente “as existentes hoxe en Galicia, norte de Portugal e occidente da zona leonesa (Viseu, Idaña, Coímbra, Braga, Ourense, Lamego, Astorga, Tui, Lugo e Iria), máis a monástica de Dumio (ao carón de Braga) e, na faixa marítima norte, a britoniense.”
- No ano 585, o rei visigodo Leovixildo derrocou a Andeca, converténdose este no último rei suevo de Galiza, feito que non supuxo a desaparición da estrutura do propio Reino xa que a Gallaecia conserva os territorios do antigo reino suevo, a categoría de reino e os monarcas visigodos consideraríanse así mesmos como reis da Gallaecia, España e a Galia.
Sen dúbida o Reino Suevo é un período fascinante que, como teñen manifestado distintos historiadores en numerosas ocasións, foi un período maltratado especialmente na historiografía española mais tamén na historia a nivel europeo. Nos últimos anos está a saír do seu esquecemento e os procesos de investigación, análise e estudo toman forza para poñer en valor o que algúns libros consideraban un período escuro.
Esta invisibilización non é recente, xa na propia época distintas crónicas e especialmente Idadio falaba deles cunha carga ideolóxica moi importante, como persoas bárbaras, homes escuros e violentos descoñecidos que poderían chegar a sementar o terror nun espazo de paz. Pola contra, o traballo dos historiadores mostran que quizais estes movementos dos pobos xermánicos non eran invasións senón migracións, xa que xunto aos soldados viñan familias enteiras na procura de novos terreos e novos espazos para vivir. Quizais estes pobos non tiveron tanto conflito co pobo mais si coa aristocracia da Gallaecia, especialmente os primeiros anos.
Aínda hoxe non temos claro cal foi o motivo de que os suevos acabaran por instalarse na Gallaecia, aínda que distintas hipóteses falan da posibilidade dun reparto feito por sorteo ou dun reparto feito polos propios romanos. Queda moito camiño por andar para a correcta elaboración dunha historiografía que se axuste a este período histórico mais confiamos en que pronto a historia do Reino Suevo faga parte imprescindíbel das ensinanzas históricas en Galiza.
Sexa como for, xunto ás lexítimas e necesarias reivindicacións dunha materia de Historia de Galiza, na actualidade contamos con manuais para documentarnos e introducirnos nun período fascinante. Algúns deles poden ser os escritos polo historiador Anselmo López Carreira Historia de Galicia e O Reino Medieval de Galicia, manuais que serviron para documentar e dotar este artigo de maior rigor histórico.
1 comentario en “10 datos para introducirnos no Reino Suevo de Galiza”
É importante referir nas escolas galegas da actualidade que em 409 os Suevos instalam-se no Ocidente da Gallaecia e os Vândalos silingos na Gallaecia que tanto poderia ser a parte norte lucense como a parte oriental asturicense.
Chamar ao primeiro reino Suevo de 409 como reino suevo da “Galiza” é tão erróneo como chamar reino visigodo da Espanha em 586 logo após a queda do reino suevo da Gallaecia e norte da Lusitânia.
As nomenclaturas dos séculos V e VI não são aplicáveis aos territórios hoje consolidados quer em Espanha quer em Portugal e nas CA de Asturias, Galiza e Castela-Leão no caso espanhol ou no Entre Douro e Minho, Trás os Montes, e Beiras no caso português.
Isso pode gerar ainda maior confusão na cabecinha das crianças que querem saber da história verdadeira das suas terras e não das histórias inventadas por adultos historiadores com agendas políticas nacionalistas.
Mas se retomarmos ao primeiro reino suevo de 409 a 456, então a garantia de ser um reino suevo galaico com sede exclusiva na cidade galaica portuguesa e não cidade galaica galega de Braga cai por terra até porque o eixo dos movimentos suevos nesse período deslizam na importante e estratégica cidade de Emerita Augusta que como bem sabemos liga o Mediterrâneo ao Cantabrico pela via da prata e estabelece ligações ao ocidente da via Atlântica entre Lisboa e Braga por Coimbra, Lamego, Viseu e Idanha.
Serão pois estas quatro localidades lusitanas importantes dioceses no segundo reino Suevo de 556 a 585 e não sendo de todo galaicas nem muito menos galegas, são parte integrante e consolidada no paroquial suevo após o II concílio de Braga de 572 e estarão sempre presentes nos eventos marcantes da idade média quer no reino do Garcia de Portugaliae et Gallaecia e mais tarde no reino de Portugal.
Só por essa razão é errado suprimir a Galiza nesta parte da história da Espanha.
Mas igualmente errado suprimir Portugal na parte nuclear da sua própria história na história actual da Galiza que se quer ensinar aos galegos actuais.
O reino suevo ultrapassa a própria Galiza actual e insere-se outrossim na territorialidade nuclear do Portugal actual e fundacional que é o eixo Braga-Coimbra desde o mar oceano até praticamente a Via da Prata entre Mérida e Astorga.
Ora daqui apenas uma pequena parte pertence à historica Gallaecia e nada pertence à actual Galiza.
Considerem pois contar uma história de verdade aos vossos pequenos alunos e não repetir o erro espanhol da historiografia da España visigotica fundacional da Espanha actual.