As soberanas galegas do século X

“Cada palabra que escribe unha muller muda a historia do mundo”. A cita corresponde a Carolyn See, profesora emérita da universidade de California e unha reputada voz feminina, e feminista, nos EUA. Mais para alén do seu papel determinante na escrita, See, como outras, sempre considerou imprescindíbel a revisión dunha historia que sempre se contou en chave masculina; non o facer impide comprender o pasado do xeito rigoroso: un pasado construído por mulleres e homes por igual.

Mais se o papel da muller foi tradicionalmente minusvalorado na narrativa do pasado, o daquelas mulleres pertencentes a grupos estigmatizados ou marxinados foi aínda máis obviado. No caso galego, á habitual misoxinia social sumouse o desprezo contra Galiza, facendo da muller galega obxecto das máis ofensivas descricións. Un dos exemplos máis paradigmáticos deste desprezo foron as palabras de Lope de Vega na súa comedia La burgalesa de Lerma (1613) cando se refería á muller galega como toda unha escrava (“Ay Gallega rolliza como un navo, / entre puerca y mujer, que baja al rio, / y lava mas gualdrapas que un esclavo). A pesar do seu carácter denigrante, con certeza esta idea de mulleres extremadamente humildes, grotescas e ausentes de todo poder foi a que durante séculos imperou na sociedade castelá e española: nada máis lonxe da realidade histórica.

Hoxe, unha revisión do pasado libre de prexuízos étnicos e dogmas historiográficos, descóbrenos a existencia das grandes mulleres galegas que cambiaron o curso da historia, neste caso, sendo soberanas dun dos reinos europeos máis lonxevos: Galiza. Sen elas resultaría imposíbel entender as relacións políticas no interior da Gallaecia e, en especial, o poderío político-militar atesourado pola aristocracia galega medieval.

Se no caso galego xa aparecen importantes referentes femininos nos albores da Idade Media, tales como Exeria, a gran escritora galaica que narrou a súa peregrinación a Xerusalén no século IV, non se pode dicir o mesmo das primeiras crónicas galegas. Abonda, xa que logo, con observar as escasas figuras femininas aludidas por Hidacio, bispo de Chaves, no seu Cronicón; un texto no que no que nunca se chegou a transmitir o nome das raíñas suevas ou das líderes galaicas do seu tempo. Pola súa parte, o resto de cronistas cristiáns coetáneos que puxeron a súa ollada na monarquía da Gallaecia, tales como Gregorio de Tours, Xordanes ou Xoán de Bíclaro tampouco prestación a atención merecida sobre as mulleres da realeza nin da aristocracia galaica; o seu relato non deixa de ofrecer unha historia recollida por homes e para homes e, polo tanto, profundamente nesgado.

No que atinxe á presenza da muller nas crónicas da Gallaecia, esta adquiriu maior proxección durante o reinado de Afonso III (866-910). O ciclo cronístico deste monarca supuxo todo un avance no recoñecemento do papel das mulleres, especialmente como lexitimadoras do poder e do sangue real; algo que non acontecera durante o período xermánico. É entón cando comezan a aparecer nomes como Froiliuba, Hermesinda, Adosinda, ou Xemeña, raíñas consortes de Fávila, Afonso I, Silo e o propio Afonso III respectivamente.

Reflexo, talvez, do maior poder que as mulleres ostentaban na sociedade galaica, a diferenza do que ocorría nas monarquías xermánicas, ben é certo que no século VIII e IX son máis as sombras que as luces que envolven o nome destas poderosas mulleres que rexeron o destino das xentes da Gallaecia. Dalgunhas delas intuímos a súa importancia, como a nai de Silo (774-783), da que se afirmaba ser determinante para que o rei mantivese a paz coa veciña Hispania musulmá. Outras como a nai de Ramiro I (842-850) permiten situar a súa presenza en terras galegas mais o seu nome nin a súa filiación foron recollidas polos cronistas da época.

Será a partir de mediados do século IX cando o papel das mulleres na monarquía galaica adquira unha maior presenza, en nomes como Munia, raíña de Ordoño I e, especialmente de Xemeña, esposa de Afonso III durante máis de 40 anos e nai de tres reis. Aínda así, no caso desta última, a súa biografía preséntase esquiva e envolta nunha orixe fantasiosa que a liga, interesadamente, a un suposto pasado visigodo.

Co devir das décadas sucesivas, a presenza das raíñas fíxose máis evidente, tanto a través da diplomática como da cronística medieval. É entón cando se identifican con total claridade a existencia de raíñas vinculadas ás grandes casas galegas. Liñaxes occidentais que na altura representaban a principal forza militar da Gallaecia e que resultaban indispensábeis para calquera monarca que desexase controlar o reino galaico.

Ese foi o caso de Elvira Mendes. Nacida por volta do 870, sen que se saiba con certeza o lugar nin data do seu nacemento. O que si se coñece era a poderosa estirpe da que procedía. Súa nai, Hermesinda Gatones, pertencía á familia dos Gatones, emparentados coa propia realeza galaica e señores das terras do Courel, o Bierzo e Astorga; un territorio estratéxico que dominaba a entrada da Vía da Prata en Galiza. O seu pai, Hermenexildo Goterres, foi o aristócrata galego máis influente do seu tempo. Señor de numerosos condados repartidos por todo o país, foi no suroeste do reino onde alcanzou maior relevancia, ostentando o dominio de Tui, Porto e Coímbra. Esta última, conquistada no ano 878 polos seus exércitos e arrebata ao emirato hispano-musulmán baixo o goberno de Mohammed I. Unha posición hexemónica que o consolidou como mordomo de Afonso III, rei da Gallaecia entre os anos 846-910. Estes antecedentes familiares facían de Elvira toda unha magnate da Galiza de entón.

Nesta alianza política entre a monarquía e a aristocracia galega inscríbese o acordo matrimonial entre Elvira Mendes e Ordoño II, segundoxénito do rei Afonso III e da raíña Xemeña. Con todo, o derrocamento de Afonso no ano 910, outorgou a Ordoño II e Elvira Mendes o trono galego. Desde entón a parella real pasou a asinar os documentos como “Ordonius Rex et Geloira Regina”. Xunto ao seu marido, Elvira destacou polas doazóns ao santuario compostelán, polo que mostraron especial devoción e ao que se referían como “nostro sancto Iacobo apostolo”. Así se observa na cuantiosa doazón que ambos os dous realizaron o 20 de abril do ano 911. Para entón, a raíña xa dera a luz a varios fillos: tres deles chegarían a ser reis, aínda que cunha fortuna completamente dispar.

Piadosa no eido espiritual, a parella real pode considerarse no terreo militar, como a máis puxante do ámbito cristián peninsular do seu momento. O propia asalto á cidade hispana de Évora no ano 913 dá conta disto; todo un desafío ao poder cordobés que espertou unha gran conmoción en Al-Ándalus. Apenas uns meses máis tarde, coa morte do seu cuñado García, Elvira ascendeu xunto ao seu marido ao trono de toda a Gallaecia; unha coroa que se exercía entón desde o estratéxico enclave de Legione (actual León) e que a converteu na muller máis poderosa daquel contexto ibérico. Desde alí, Elvira foi a indiscutíbel raíña até a súa morte, acaecida no inverno do ano 921 e coa que deixou Ordoño II viúvo.

Após a morte de Ordoño II no verán do ano 924, o reino da Gallaecia entrou nun momento de conflitividade marcado polas rivalidades entre os diferentes candidatos ao trono. No entanto, novamente foi o occidente do reino, o territorio galego, onde se situou a orixe das soberanas máis destacadas desta época. Tal foi o caso de Goto Muniz, raíña consorte de Sancho Ordoñes e importante aristócrata do interior da Galiza. Nacida arredor do ano 900, Goto foi filla de Elvira Ares e de Munio Goterres, señores de amplos territorios no interior de Galiza.

A data do casamento de Goto co rei Sancho Ordoñez é descoñecida mais a parella real xa aparece na documentación desde o ano 927, tan só uns meses despois de Sancho ser solemnemente coroado como rei de Galiza polo bispo Hermenexildo en Compostela. Sen dúbida o matrimonio de Goto respondía a unha estratexia natural na que converxían os poderes hexemónicos da oligarquía galega e a coroa. A pesar de ser Sancho fillo primoxénito de Ordoño II, a parella real nunca chegou a dominar o conxunto da Gallaecia. Así e todo, o seu señorío foi incuestionábel no norte das terras propiamente galegas, mantendo as boas relacións tanto con Afonso IV como con Ramiro II, irmáns de Sancho.

O matrimonio, así e todo, durou poucos anos. No verán do ano 929, Goto enviuvou, sen descendencia coñecida. Ante a morte de Sancho a raíña só conseguiu acougo tras os muros do mosteiro de Santa María, en Castrelo de Miño, o mesmo lugar onde foron soterrados os restos de seu esposo e rei. No mesmo cenobio Goto chegou a ostentar a condición de abadesa e aínda no ano 947 recibiu unha importante doazón de seu cuñado, o entón rei Ramiro II.

Sen que exista consenso respecto a data do seu falecemento, o certo é que o último documento que Goto asinou leva a data do ano 964, o que indica que a morte debeu de lle chegar á antiga raíña pouco tempo despois. O seus restos, xunto aos de Sancho, repousan desde entón no propio mosteiro de Castrelo de Miño.

Mais mentres Goto e Sancho gobernaron o territorio galego setentrional, o irmán de Sancho, o futuro Ramiro II, mantiña o señorío dos territorios meridionais en calidade de rei. Porén, o auténtico poder de Ramiro non repousaba no seu patrimonio senón no da súa esposa, Adosinda. Pertencente á saga familiar dos Goterres, donos e señores dos grandes condados do sur de Galiza, Adosinda era filla do conde conimbriguense Goterre Ozores e de Aldonza Mendes, tía do propio Ramiro e oriúnda das terras de Celanova. O parentesco familiar entre ambos os dous primos non impediu que Adosinda casase con Ramiro, rei da Galiza meridional desde o ano 926 e con centro de gravidade político entre Porto e Coímbra. Uníase na parella real todo o poderío das novas terras que a monarquía galaica xa ocupara durante o período suevo. Perdida gran parte da documentación que deitaría luz sobre a súa vida, sábese con todo, que Adosinda tivo tres fillos con Ramiro: o infante Vermudo, que morreu sendo moi novo; Ordoño, quen chegaría a ser rei da Gallaecia entre os anos 951 e 956; e Tareixa, que acabaría sendo raíña consorte de Navarra.

Por volta do ano 932, a relación de Adosinda con Ramiro deteriorouse. A subida de Ramiro II ao trono de toda a Gallaecia tras a renuncia do seu irmán Afonso IV e os diferentes intereses políticos do seu cónxuxe sen dúbida estiveron detrás da ruptura matrimonial. Após ela, como era frecuente na época, Adosinda volveu ás terras familiares de Celanova. Alí, a comezos do ano 941, aínda realizaría Adosinda e a súa familia unha doazón ao cenobio no que, unha vez máis, non dubidou en remarcar a súa antiga condición rexia, asinando como “olim regina” (raíña antano).

Co reinado de Ramiro II iniciouse unha tendencia nos reis galaicos por tecer alianzas político-militares no oriente da Gallaecia. Isto explica que os diferentes matrimonios dos monarcas se levasen a cabo con infantas navarras e aínda con algunhas influentes aristócratas do condado de Castela. Tras varias décadas, a finais do século X e comezos do século XI esa tendencia dará paso a unha nova e maior influencia do occidente e a volta de raíñas propiamente galegas. Este foi o caso, pouco coñecido, de Velasquida Ramires. Neta da célebre Aldara de Celanova e aínda descendente do poderoso conde de Lugo, Ero Fernandes, a información sobre a raíña Velasquida é escasa mais tremendamente valiosa. Nacida por volta do ano 960, para o ano 981 xa se casara con Vermudo II, coroado rei na basílica compostelá no outono do ano 982. Desde entón asinou os documentos como “Velasquida regina”, sendo a auténtica artífice de que Vermudo II contase co apoio das grandes casas aristocráticas do occidente.

Tras a vitoria de Vermudo II sobre o seu rival polo trono, Ramiro III, na Portela de Areas (983) sen dúbida se atopou o poderío militar da familia de Velasquida. Un apoio co que Vermudo II logrou facerse rei de toda a Gallaecia controlando a urbe de León apenas dous anos máis tarde, no ano 985. Do matrimonio nacería Cristina, única descendente da parella. Tras este feito, a ausencia dun herdeiro varón, é posíbel que se atope a ruptura de Velasquida con Vermudo II; un desafecto que se fai evidente por volta do ano 989 e que puido estar motivado pola ausencia dun fillo varón mais tamén polo achegamento que Vermudo II precisaba en terras vasco-castelás. Após a fin do matrimonio, Velasquida tomaría os hábitos, lonxe das intrigas e a política da corte.

Após estas raíñas, a influencia das aristócratas galegas non cesou. No século XI o protagonismo das soberanas galegas resultou tan decisivo que calquera liñaxe real da Gallaecia pasou por elas. Estas mulleres, poderosas e hábiles na política, puxeron os alicerces dun reino co centro de gravidade no occidente, o que sen dúbida fixo que a súa lingua, o galego, adquirise prestixio como lingua de poder, como lingua de reis e, como non, tamén de raíñas.

Pode que che interese:

Sancha e Dulce, as raíñas que puideron ser

A confrontación con Castela marcou a historia da Galiza desde mediados do século XI. A esta dialéctica responderon as diversas alternativas defendidas polas nosas clases dirixentes até a separación da área castelá do reino galego, formulada, primeiramente, polos monarcas Fernando I e Sancha I e sancionada polo seu neto Afonso VII. Nesta dinámica, a morte de Afonso VII abriu a porta a comezo da incorporación subordinada do Reino de Galiza á Coroa Castelá.

O galego no Reino de Galiza. Un idioma para un territorio marxinal?

Se ben é certo, que nos estudos sobre a lingua e nos manuais académicos adoitamos tocar a evolución da lingua galega ao longo dos séculos, semella contraditoria a crenza que di que o galego foi un idioma de prestixio no contexto da inexistencia dun Reino ou no mellor dos casos, da súa existencia mais cun papel meramente marxinal.

1 comentario en “As soberanas galegas do século X”

Deixa un comentario