A fama máis a difusión do nome de Galicia na época medieval ten un dos seus mais poderosos escenarios nas fontes cartográficas da época. Como imos ver, ao longo do no noso esquemático percorrido polos mapas medievais, Galicia apareceu moi adoito nestas representacións espaciais e ideais, sinaladamente até o século XIV. A memoria da provincia romana e, se cadra, do reino suevo; a recorrente presenza do nome de Galicia nas fontes árabes e nunha parte das do mundo cristián non ibérico; o ser o lugar do suposto enterramento do Apóstolo Santiago; a importancia icónica e referencial dun vello faro romano; mesmo, a difusión de tópicos sobre a riqueza do país ou a fama literaria de determinadas historias localizadas no mundo galego, son algúns dos elementos que compre ter en consideración para comprender a presenza galega nos mapas de boa parte dos tempos medievais.
Previamente ao desenvolvemento do tema, coido necesario facer algunhas aclaracións sobre a cartografía medieval. Como é fácil de imaxinar, os mapas da maior parte destes tempos son completamente distintos aos da nosa época. Por exemplo, un dos modelos máis importantes de toda a cartografía medieval, en especial referido aos séculos do período alto medieval, é o coñecido como “T en O” Nel o mundo represéntase como un círculo no cal unha estreita franxa exterior está ocupado polo océano. No interior un espazo partido en tres (velaí a forma de T) no que se debuxan os tres continentes coñecidos polos cartógrafos da época, Asia, África máis Europa. Estes tres espazos teñen o mesmo tamaño e, cada un deles, está vencellado a un dos fillos de Noé como expresión da crenza na veracidade da historia bíblica e, xa que logo, na idea de que todos os probos da terra derivaban da familia que sobreviviu ao diluvio. No centro desa T, como eixo vertebrador da Terra, o mar Mediterráneo e Xerusalén, no mesmo centro do centro, na súa condición de embigo do mundo.
Non rematan aquí as diferenzas entre os mapas medievais e os dos nosos días. Todos estamos afeitos a que nos mapas a parte superior estea ocupada polo norte, a inferior polo sur, o sector mais á dereita polo oeste e o situado na parte esquerda polo leste. Na cartografía medieval, polo contrario, na parte superior represéntase o leste, na inferior o oeste, a marxe dereita queda reservada para o norte e a esquerda para o sur. É dicir, Galicia represéntase na parte inferior dereita dos mapamundi de época alto medieval.
Hai, porén, algunha outra diferencia. Nos mapas medievais representanse espazos e seres míticos, inexistentes na realidade material, pero plenamente vivos na cultura e visión do mundo das xentes daqueles séculos: o Paraíso Terrenal, a recóndita illa de Thule ou as terras ignotas ou incógnitas, poboadas por seres marabillosos ou monstruosos como unicornios, esciopodas e tantos outros, comparten espazo con enclaves reais de gran peso histórico ou cultural como Roma, Alexandría ou o Mar Vermello.
Un dos mapas máis interesantes dos producidos no mundo hispánico é, sen ningún xénero de dúbidas, o mapamundi do Beato de Burgo de Osma. Aínda que conservado no arquivo desta catedral soriana, esta singular cartografía foi elaborada no mosteiro de Sahagún, que era un dos cenobios mais poderosos da península ao longo da primeira Idade Media. Esta importante abadía está situada, hoxe en día, na provincia de Leon pero, en parte da súa propia documentación alto medieval, definíase como localizado nos confíns de Galicia, dato ben revelador da persistencia da vella noción da Gallaecia despois do fin do mundo romano. Os investigadores que teñen pescudado mais a fondo este documento conclúen que debeu ser elaborado arredor dos anos 1084-1085, imos xa a analizar o seu contido propiamente cartográfico.
O mapamundi pertence á xa clásica categoría de “T en O” e nel represéntanse os tres continentes e, aquí e acolá, unha serie de referencias relixiosas, históricas ou míticas. Sobresaen os lugares onde, segundo a tradición, repousan os restos dos apóstolos, marcados cunha cabeciña nimbada que vai asociada a un edificio e a unha cartela na que figura o nome do apóstolo en cuestión. Pero canda estes, e tal e como dicíamos, debúxanse monumentos singulares como o faro de Alexandría, fitos histórico-míticos como a cidade de Troia, Roma ou Xerusalén. Aínda sendo un mapamundi, a atención ao territorio que abrangue a Península ibérica é mais que rechamante. Na Idade Media o universal é sempre visto desde o ángulo preferente do local. Este privilexiado territorio hispánico é representado como claramente dividido en dúas partes. Unha delas, que é a que ocupa dous terzos do espazo peninsular, é Gallecia. Nesta macro Galicia está incluída Asturias, só referida polo seu nome e, ademais, está presidida por dous monumentos singulares e particularmente ben desenvolvidos graficamente: un faro e unha igrexa.
O faro é a, hoxe en día, denominada Torre de Hércules da Coruña. Un monumento coñecido entre os medios letrados daqueles tempos porque fora descrito polo historiador galaico Paulo Orosio na súa crónica que, escrita no século V, tivo unha difusión moi importante até ben avanzado o milenio medieval. Na súa descrición do faro herculino, Orosio establecía unha relación entre a torre mailo mundo británico. De feito, todo parece indicar que na época da elaboración do mapamundi de Burgo de Osma, aínda que posiblemente xa non funcionaba como faro, este monumento servía como fito referencial para orientar aos barcos que pasaban polas costas galegas cara ás illas británicas. Para maior evidencia desta relación, no mesmo mapa, unha esquemática Britannia figura a carón das costas galegas e do faro. Outro dato que referenda a transcendencia simbólica e, se cadra, funcional, que pretenden darlle a este faro os autores do mapa, é o feito de que é o único monumento destas características que, canda o mítico faro de Alexandría, é representado. Que o “pai” dos faros só sexa replicado polo fito coruñés, da unha idea da importancia que se lle confire a este monumento.
Como é fácil de imaxinar, a igrexa non é outra que a basílica de Compostela. Un edificio que, para os monxes de Sahagún, de cuxo scriptorium, como xa se apuntou, saíu este mapa, é o mais grande de todos os representados nesta visión panorámica do mundo. Unha comparativa, por exemplo, coa representación de Roma (na que, ademais, se debuxan as cabezas de dous apóstolos, Pedro e Paulo) evidencia que o templo xacobeo é presentado como mais amplo e, xa que logo, de superior importancia que o da cidade dos Papas. Se a comparativa faise con Toledo, tradicional sé primada das igrexas hispánicas, o desequilibrio entre as dúas imaxes é aínda mais rechamante. A vella capital dos visigodos non é representada por unha igrexa senón por un esquemático e pequeno edificio que semella un castelo. Da a impresión que se pretende minimizar a importancia relixiosa de Toledo e limitar a súa transcendencia ao plano político e, aínda así, nun plano de clara inferioridade con respecto ao gran templo xacobeo e o seu faro referencial. Xa que logo, malia que falamos dun mapamundi, a importancia que se lle pretende dar a Galicia e aos seus referentes principais é clara e enfática.
Dicíamos que o mundo peninsular está dividido en dúas partes ben diferenciadas e desproporcionadas. Sobre a parte galega xa falamos, compre agora referírmonos á outra parte. Ese tercio restante é identificado como Hispania, referencia que nesta altura tende equipararse en moitas ocasións có árabe al–Andalus. É dicir estase a falar do territorio hispano baixo dominio islámico quedando o nome de Galicia, e as súas variantes, para designar os reinos cristiáns do mundo occidental peninsular. Nesta microhispania sobresaen como fitos referenciais, o caso xa comentado de Toledo, Lisboa e pouco mais.
Un dos primeiros mapas non ibéricos nos que se representa algo do territorio galego é o coñecido como Mapa Anglosaxón ou Cotton Map. Trátase dun mapa elaborado na Inglaterra do segundo cuarto do século XI, disposto tal e como era habitual e có esquema de “T en O” O máis salientable desta cartografía é a detallada e prolixa descrición gráfica do mundo británico, que aparece reflectido cunha proximidade á realidade xeográfica realmente sorprendente. Precisamente, un dos territorios mais próximos á Gran Bretaña segundo este mapa é a Península Ibérica. Como acontecía có mapa de Burgo de Osma, ambos territorios represéntanse como veciños e, se naquel era Britania a debuxada esquematicamente, neste o espazo peninsular non recibe a atención descritiva que se aplica ao mundo insular. Como mostra deste relativo desdén polo non británico, podemos sinalar que no espazo hispánico apenas hai algunha das 150 inscricións escritas que completan a información deste mapa. De feito só aparecen dúas: na marxe mais á esquerda (mais oriental), Ispania citerior; ocupando o cuadrante mais occidental desa esquemática Península Ibérica, Brigancia. Unha referencia que ten que poñerse en relación có entorno do faro coruñés e coa xa referida cita de Paulo Orosio, autor moi ben coñecido no mundo británico. De feito xunto á importante difusión do orixinal latino nas bibliotecas inglesas e irlandesas, consta que a crónica de Orosio tivo unha tradución ao “old english” xa en tempos do rei de Wessex Alfredo o Grande (848-899) Daí que o topónimo Brigancia, malia súa parcialidade, emprégase como xenerico para Galicia e unha parte substancial do ámbito ibérico.
A triada formada pola distinción Gallecia-Hispania, e o faro herculino malia igrexa de Santiago como referentes esenciais da xeografía galega, sigue a ser habitual nos mapas elaborados na Europa dos séculos XII e XIII.
No ámbito francés podemos mencionar o Liber Floridus, obra do monxe Lambert de Saint Omer. Falamos dunha das enciclopedias compostas nos séculos centrais da Idade Media e que van substituír ás grandes enciclopedias altomedievais, sinaladamente as Etimoloxías de Isidoro de Sevilla. En varios dos manuscritos deste texto, composto cara o ano 1120, inclúense varios mapas, entre outros un mapamundi. Neste volvemos ver unha descrición da Península Ibérica dividida, neste caso, en tres grandes áreas: Hispania, Terracona, Galicia. A inclusión do ámbito catalán pode explicarse pola orixe franca do mapa pero, para os nosos intereses, o máis salientable é a diferenciación de Galicia que sigue a estar representada polo templo xacobeo e polo faro coruñés se ben, neste caso, os dous monumentos referenciais de Galicia están debuxados dun xeito esquemático e abstracto.
De volta ao mundo británico e seguindo a orde cronolóxica, podemos falar do coñecido como Mapa de Sawley, en referencia ao mosteiro inglés onde foi atopado. Elaborado na segunda metade do século XII está asociado, como no caso anterior, con textos de tipo enciclopédico. Neste exemplo Galicia aparece dentro de Hispania (neste caso non semella que haxa unha concepción de igualdade entre os dous territorios hispánicos), identificada polo seu nome e co xa típico binomio Igrexa-Faro. Cómpre salientar o tamaño da igrexa compostelá que semella ser a mais grande de todo o Occidente. Un dato que fala do prestixio e da fama do suposto santuario apostólico nestes séculos. O faro coruñés, pola súa banda, represéntase, como no Liber Floridus, como si fora un mero apunte pictórico. Tan só vemos unha estrutura cuadrangular da que sobresaen uns fachos acendidos, reflexo ideal da función orixinal do faro.
Os dous mapamundi dos que vimos de falar manteñen a estrutura de “T en O” e a disposición dos puntos cardinais xa comentada previamente. Probablemente o último gran exemplo deste modelo cartográfico, é o monumental Mapa de Hereford. Desplegado na catedral desta cidade inglesa, este mapa elaborado cara o ano 1300, mide 132x162cm. Non era, polo tanto, un mapa de consulta académica, como os anteriores, senón un de exposición pública e de acceso universal para todos os asistentes aos ritos desenvolvidos nesta igrexa. Galicia volve ser tratada con certo detalle aínda que o nome de Galicia non aparece por ningures e advírtense certas confusións e malas informacións, como imos ver de contado. Os grandes territorios nos que se divide o ámbito ibérico, cuxos nomes se fan resaltar en cor vermella, son Hispania Citerior, Hispania Interior e Compostela que parece ter fagocitado o nome de Galicia. No ámbito desa Compostela sobresae o templo de Santiago, malia non ter o tamaño descomunal que víamos noutros mapas, e Perona (sic) Dito nome vai acompañado polo debuxo dunha torre en cuxo cumio arden unhas lumieiras. Tendo en conta os precedentes e o que semella representar esta icona, pensamos que se trata dunha referencia á Torre de Hércules que, nesta altura, xa perdera o seu vello topónimo brigantino, mentres que o neotopónimo Coruña, xurdido a partir de 1208, aínda non era o suficientemente coñecido fora do ámbito local. Este descoñecemento da realidade galega podemos vela tamén noutros dous topónimos que non resultan de inmediata identificación: Bragaria e Murduacia. Por máis que se propoñan posibles solucións para resolver o enigma da identidade destes topónimos, coido que ningunha delas é suficientemente convincente.
O mapa de Hereford marca un cambio nos modelos cartográficos e na pegada que Galicia ten neles. Dende o século XIV o vello modelo de “T en O” vai caendo no desuso. No seu lugar van xurdindo mapas concibidos, con matices, como seguimos a facelo hoxe en día. Os puntos cardinais ocupan xa o seu lugar clásico e as descricións xeográficas dos diferentes territorios vanse achegando mais á realidade, como produto das informacións subministradas polos mariñeiros e comerciantes que percorren os tres continentes. Xorden escolas cartográficas especializadas en diferentes puntos do Occidente e elabóranse mapas moito mais detallados e prácticos que os anteriores.
Un exemplo desta nova cartografía pode ser o coñecido como Mapa Catalán, elaborado pola familia xudea dos Cresques na Mallorca de arredor de 1375. Neste mapa podemos comprobar que os perfís xeográficos de Europa e do entorno mediterráneo non son moi diferentes dos que podemos ver nos mapas de hoxe en día. É certo que segue contendo referencias míticas pero cada vez están máis diluídas nun mar de informacións que poden ser de utilidade para mariñeiros e comerciantes. No referente a Galicia o cambio pode ser definido como radical. As nosas costas son debuxadas con bastante precisión e menciónanse unha morea de topónimos tanto no litoral como no interior pero, polo contrario, desapareceu toda referencia á especificidade de Galicia, tan presente nos mapas anteriores, que queda englobada na Coroa de Castela sen mais precisións.
Este novo modelo vai ser o predominante na cartografía do que queda de Idade Media. Malia algunha excepción, que habelas hainas, Galicia tende a desaparecer dos mapas como territorio con entidade propia. As súas costas e o gran referente que continúa a ser a igrexa de Santiago pasan ocupar o espazo que, durante séculos, foi protagonizado por unha Galicia normalmente diferenciada de Hispania e cuxo nome e fama quedaba claramente reflectido na cartografía medieval até ben avanzado o século XIV. Os avatares políticos e a relativa perda de peso específico que Galicia vai ter na Coroa de Castela na Baixa Idade Media, poden estar detrás deste cambio tan evidente na forma de representar graficamente o mundo coñecido.