Infografías
O Panteón Real de Compostela
Está localizado na Catedral de Santiago.
Hai numerosas personalidades do Reino de Galiza: Fernando II, Afonso VIII, a raíña Berenguela, o conde Raimundo Borgoña, Xoana de Castro ou Pedro Froilaz.
Este lugar pasa desapercibido ante a maioría da xente e crea un falso relato ao falar dos Reis de León, cando a propia documentación da época fala dos Reis da Gallaecia.
Despois dunha forte campaña da Asociación Cultural O´Galo o panteón foi aberto ao público no ano 2003
Que é o Priscilianismo
Prisciliano foi un bispo que foi condenado en Tréveris por maxia e maniqueísmo e posteriormente decapitado.
O priscilianismo era unha corrente do cristianismo que promovía a vida austera fronte ás formas de vida ostentosas da xerarquía eclesiástica. As súas ideas revolucionarias extendéronse rapidamente entre o pobo, especialmente na Gallaecia.
A igrexa condenou a Prisciliano e a doutrina priscilianista. Mesmo despois da morte de Prisciliano tiveron que prohibir a súa doutrina polo forte interese entre o pobo.
A entrada dos Suevos na Gallaecia e a desaparición da doutrina romana provocou que o priscilianismo gañara forza.
Varias veces na historia tense afirmado que os restos da Catedral serían os de Prisciliano e non os de Santiago
Quen foi García II?
García II (1042 – 1090) foi o fillo menor de Fernando I e Sancha.
Foi proclamado rei de Galiza na Catedral de Santiago onde gobernou entre os anos 1065 e 1071.
Durante a súa vida tivo que enfrontar unha longa inestabilidade: os ataques da nobreza portuguesa, do seu irmán Sancho mais tamén do seu outro irmán Afonso VI, quen o recluíu de por vida no Castelo de Luna.
Nos seus últimos días quixo que o enterraran coas cadeas que levara durante dezaoito anos. Foi enterrado en San Isidoro de León.
Que é a Era Compostelá?
A chamada Era Compostelá refírese a un dos momentos históricos de maior esplendor e avance económico na historia do noso país.
Este período coincidiu coa rexencia do Arcebispo Xelmírez na cidade de Compostela, o período tamén recibe o nome de Época de Xelmírez.
As características máis importantes teñen que ver cun crecemento do mundo urbano, de diversos oficios, do comercio mais tamén dun crecemento poboacional e do traballo no mundo rural.
Nesta época temos que destacar un dos fitos máis importantes do século e tamén da historia do país, o nacemento do Camiño de Santiago e polo tanto un Reino de Galiza que pasaría a ser un centro de peregrinación en toda Europa coas consecuencias que iso tiña a nivel político, económico e cultural
Mailoc, o bispo galego
Mailoc foi un bispo galego, concretamente da diócese de Britonia, citada no Parochiale suevorum (organización eclesiástica e parroquial do Reino de Galiza) como sede dos bretóns. Na actualidade pénsase que a súa herdeira sería a diócese de Mondoñedo-Ferrol.
Mailoc formaría parte da colonia estabelecida no norte do Reino de Galiza e que viría fuxindo da illa de Bretaña unha vez implosionou o imperio romano e coincidindo coas invasións dos anglosaxóns, frisóns e xutos malia esta tese non estar comprobado.
O nome de Mailoc volvería aparecer entre os participantes do Primeiro Concilio de Lugo celebrado no ano 569 e no Segundo Concilio de Braga celebrado no ano 572.
O Reino de Requiario
Se por algo debemos destacar ao rei Requiario é por formar parte desa primeira xeración de suevos que naceron en territorio galego mais tamén polas grandes transformacións do reino.
Un ano despois de acceder ao reino, proclamou a conversión oficial ao cristianismo do Reino Suevo de Galiza, de feito el era católico. Todo isto favorecería un avance cara unha fusión case total entre suevos e galaicoromanos.
Con Requiario tamén chegou a acuñación de moeda propia co lema “Por orde do rei Requiario” substituíndo a anterior presenza do emperador romano.
O Reino de Galiza na cartografía europea
A cartografía é unha ferramenta fundamental para desmontar o relato que ignora o reino de Galiza. Ao longo da historia, Galiza estivo presente na cartografía peninsular e europea.
Un dos mapas máis importantes é elaborado por un monxe de San Millán de la Cogolla, Ximeno, realizado no 946 e recollido nunha copia das Etimoloxías de San Isidoro.
Na representación peninsular sinalou dous espazos ben diferenciados, a Gallecia como reino cristián e a Spania, zona baixo goberno árabe.
O Reino Suevo, primeiro dentro dos límites do Imperio Romano
A historia que nos contaron nunca sinalou a importancia do Reino Suevo, o primeiro reino medieval da Europa Continental, constituído no ano 411.
Os suevos lograron pactar un foedus cos romanos para constituírse como entidade independente e chegaron a ter moeda propia.
O primeiro rei foi Hermerico e aínda que a duración do reino non pasou do ano 585 a pegada sueva chega até hoxe tanto na toponimia coma na figura das parroquias, entre outras.
Quen foi o rei Hermerico?
Hermerico é considerado o primeiro rei da Galiza despois de que os suevos asinaran un pacto co Imperio Romano para asumir o control político e económico da Gallaecia.
Tivo un papel importantísimo dirixindo o paso do Rin e durante o seu mandato as relacións co Estado Romano foron cordiais.
O reino suevo acuñou moedas baixo o nome de Honorio no seu reinado.
Cedeu o seu trono ao seu fillo Requila no 438 e faleceu en Mérida no ano 441 despois de 7 anos de enfermidade.
As raíñas Sancha e Urraca de Galiza
No 1037 foi coroada a raíña Sancha despois do falecemento do seu irmán Vermudo III.
Esta era filla do rei de Galiza Afonso V e da raíña Elvira Méndez.
O seu marido, Fernando, foi recoñecido rei en León no 1038.
A iniciativa de Sancha, foi construído San Isidoro de León e foi quen encargou o Libro de Horas, que foi entregado a posteriori ao seu marido Fernando I.
Dona Urraca foi raíña de Galiza e León entre os anos 1109 e 1110 cedendo a soberanía do reino, neste caso, a prol do seu fillo Afonso Reimúndez.
Previamente fora obrigada a casar co rei de Aragón, Afonso o Batallador. Faleceu en Saldaña de Burgos no ano 1126.