Galicia foi un reino de seu durante, cando menos, unha parte da Idade Media. Esta afirmación, hoxe en día obvia para tantos, non era moi frecuente até fai uns poucos anos. Tratábase dunha idea estraña tanto no mundo académico como, por extensión, entre a cultura popular. Sen ir máis lonxe, eu que estudiei a licenciatura de Historia na década dos oitenta do pasado século, non consigo lembrar que nunca se nos falara da súa existencia. Só nas dúas últimas décadas o panorama arredor do reino medieval de Galicia ten mudado. Novas lecturas e novos interrogantes verquidos sobre a vella documentación teñen permitido recuperar da “desmemoria” a existencia deste vello reino que, dende 1230, e de xeito xa definitivo, quedou asociado á Coroa de Castela.
A primeira cuestión a dilucidar é desde cando podemos falar do reino de Galicia. O reino dos suevos, orixinado nos primeiros anos do século V e xurdido no seo dun Imperio Romano de Occidente aínda existente, sinala un punto de partida que, malia o seu significado e transcendencia, non podemos presentar como antepasado directo e lexítimo do reino medieval de Galicia. Cómpre sinalar, porén, que o Regnum Suevorum que é a definición mais frecuente, pasou ser coñecido como Galliciense regnum no século VI. Un cambio semántico que agocha unha importante lectura política e territorial: non se está a falar xa dun reino referido a un pobo, mais si dun reino que se identifica cun territorio determinado. De todos os xeitos, e como dicía previamente, todo isto non é proba de que o reino suevo poda ser considerado como precedente directo do reino de Galicia. O que si semella claro é que o recordo da provincia romana da Gallaecia e do mesmo estado suevo, garantiron un recoñecemento da especificidade de Galicia no conxunto dos territorios ibéricos. Por exemplo as crónicas de Afonso III, compostas no século IX e esenciais para coñecer as orixes do reino de Asturias, distinguen claramente a Galicia, e aos galegos, como parte perfectamente distinguible do resto dos territorios e pobos que van quedar baixo a autoridade dos reis de Oviedo.
Porén, determinados sectores da historiografía, nomeadamente a procedente de fora do mundo académico, teñen cuestionado a existencia mesma do reino de Asturias. Argumentan que ese reino construíuse no territorio da vella Gallaecia e que sería mais acaído falar de reino galego. Apóianse, tamén, nas escasas referencias ao reino de Asturias que podemos atopar na documentación escrita da máis temperá Idade Media. Ademais esgrimen que as fontes hispano-árabes, e parte das crónicas cristiáns non ibéricas, adoitan referirse aos distintos estados xurdidos no cuadrante NO da Península Ibérica con distintas variantes do nome de Gallaecia. Cómpre advertir que todo este é certo, porén temos moito que matizar. Que Asturias naceu no seo da vella provincia galega non é debatible, como non o é o feito de que no século VIII a Gallaecia non era máis que unha referencia xeográfica sen ter xa ningún tipo de virtualidade política, nin institucional. É certo, igualmente, que as fontes escritas de comezos da Idade Media son dun laconismo e imprecisión completamente desacougantes. Tanto é así que nos documentos rexios, os diferentes monarcas apenas son identificados como reis dun espazo concreto. De feito, rara vez rexistramos o nome do reino de Asturias, e hai que valorar o feito de que mais frecuentemente os dirixentes son sinalados como reis en Oviedo. O reino de Asturias, xa que logo, rara vez é mencionado. Dito isto é importante salientar que non hai ningunha referencia contemporánea e local a un suposto reino de Galicia nos comezos da Idade Media, por máis que o país supuxera unha parte substancial do territorio astur e que a súa aristocracia xogara un papel determinante na política do reino.
É dicir, si existiu o reino de Asturias aínda que as visións tradicionais e teleolóxicas que o rodean merecen ser erradicadas dun xeito radical: a concepción do reino astur como “herdeiro” do extinto reino dos visigodos e como primeiro eslavón dunha cadea que conclúe có actual estado español son, a día de hoxe, historicamente indefendibles.
O século X supón un momento chave na conformación política de Galicia e na definición do poder da súa influínte aristocracia. Por dous momentos, tras a morte de Afonso III (910) e despois do pasamento de Ordoño II (924), o reino dividiuse entre tres monarcas. No primeiro dos casos, o territorio galego foi encomendado a Ordoño II quen reinou exclusivamente sobre Galicia até 914 cando, por unha serie de avatares políticos, vaise facer có control dos outros espazos (Asturias mais León) nos que se partillara a herdanza do terceiro dos Afonsos. Uns anos despois, morto o propio Ordoño II hai unha nova sucesión compartida. Neste caso, o espazo de Galicia cáelle en sorte ao fillo primoxénito, Sancho Ordóñez quen, pola súa parte, concédelle o goberno de Portugal a seu irmán Ramiro, futuro rei do conxunto dos reinos.
Os historiadores que teñen estudado con maior rigor e atención estes dous episodios non son unánimes á hora de valoralos. Ademais son dous casos que, malia que parecidos e correlativos, semellan ser ben diferentes. Sen querer entrar en mais fonduras académicas, o que é obvio é que houbo dúas ocasións nas que houbo reis ao fronte do territorio de Galicia. Se podemos falar de reis en Galicia, ou reis de Galicia é, como comentamos, obxecto dun debate que está lonxe de estar pechado entre os historiadores.
Vai transcorrer máis dun século en que as sucesións non volven ser propostas entre varios reis, nin que exista calquera proxecto de partillamento político. Mais a finais do ano 1063 este plan volve ao primeiro escenario da política leonesa. Fernando I accedera ao trono leonés desde Castela, de donde era conde. Derrotara a seu cuñado Bermudo III, derradeiro rei da dinastía astur-galaico-leonesa, na batalla de Tamarón: a vitoria mailos dereitos sucesorios da súa muller, Sancha, o erguen ao cumio do poder. O seu reino extenderase territorialmente dun xeito considerable: ao territorio galaico leonés, unírase Castela máis os espazos gañados aos primeiros reinos de taifas, tanto no val do Douro como, sobre todo, na área portuguesa. Quer por esta dilatación territorial do reino, quer por intereses das aristocracias locais, Fernando I tomou a decisión de que, trala súa morte, o seu reino íase partir en tres. Castela, para o primoxénito varón Sancho; León para Afonso, o segundo dos fillos; Galicia, máis Portugal, para o máis novo dos homes, García.
Nos últimos días de 1065 faleceu Fernando I e, de contado, produciuse a prevista e pactada división nos tres reinos que vimos de comentar. O reino de Galicia abarcaba boa parte dos espazos que pertenceran á vella provincia romana da Gallaecia, incluíndo a recentemente tomada cidade de Coimbra, daquela unha das cidades máis grandes e importantes da Hispania cristiá. Ao fronte deste reino vai estar García, quen tiña xa unha longa relación con Galicia. En efecto sabemos que, cando neno, fora enviado polos seus país para ser educado na escola episcopal de Santiago, cando o bispo Cresconio. Estamos a falar, xa que logo, dun monarca ben formado culturalmente algo que, porén, non podemos asegurar dos seus rexios irmáns.
Este dato, o da boa preparación de García, contrasta coa imaxe de rei incompetente e preguiceiro que unha parte das crónicas medievais se afanaron en erixir arredor del. A súa derrota e o desexo de xustificar a actuación de Afonso VI, quen vai aglutinar, finalmente, os tres reinos baixo o seu mando, levaron á construción dunha especie de damnatio memoriae centrada no rei de Galicia e se que foi tecendo co paso do tempo. Porén, unha análise sen prexuízos e pegada á realidade documental, amosa unha imaxe ben distinta. Efectivamente, pódese dicir que García foi un rei que desenvolveu unha intensa actuación política nos seus seis anos de reinado, centrada en dous aspectos fundamentais: unha activa política eclesiástica que supuxo a definitiva restauración do mapa diocesano do seu reino e os primeiros pasos dados en pro do achegamento do monacato galego ao modelo benedictino e, por outra parte, o desprazamento da acción política cara o sur, tanto da actual Galicia, como dos espazos que hoxe en día pertencen a Portugal.
Derrotado primeiro polo seu irmán Sancho de Castela e traizoado e enviado á cadea polo seu outro irmán, Afonso de León, o reinado de García rematou definitivamente no ano 1072.
Hai quen pensa que esta foi a única experiencia de Galicia como reino de seu. Outros, pola súa banda, consideran que a brevidade da experiencia reduce o seu significado histórico. O certo é que, como imos ver, o reino de Galicia non desapareceu tras o reinado de García malia que non volveu acadar a condición de reino completamente á marxe doutras realidades políticas. En canto aos poucos anos de duración do mandato de García, sendo un argumento que cómpre non ignorar completamente, non semella razón decisiva para infravalorar o seu significado histórico e político. Se todos os reinados ou procesos históricos foran avaliados só pola súa duración cronolóxica, teríamos que reescribir a historia de xeito radical.
Seguindo coa análise da evolución política de Galicia neste período imos reparar no ano 1090. Foi entón cando faleceu o infortunado rei galego despois de case vinte anos na cadea. O seu irmán, Afonso VI, semella que agardou ao momento da morte do monarca encarcerado para entregar o territorio que abranguía o reino de García ao seu xenro Reimundo de Borgoña malia súa dona, a infanta urraca. Esta Galicia perdera, aínda que fora temporalmente, a súa condición de reino xa que foi entregada como condado. Un condado no que os seus condes parecen ter actuado cunha grande marxe de autonomía, como se fosen auténticos reis. Esa independencia puido ser a chave que explique por que, no ano 1096, o monarca decide crear o condado de Portugal, desligando esta parte do conxunto galego. A dirección desta nova entidade vai deixar en mans doutro xenro, tamén de orixe francesa, Henrique de Borgoña. Esta decisión vai ter importantes consecuencias políticas. A principal de todas elas é que Galicia máis o territorio portucalense e conimbricense, que viñan formando parte dunha unidade espacial durante varios séculos, remata neste intre. De feito, pódese dicir que vai ser o primeiro chanzo de importancia que vai rematar co xurdimento do reino de Portugal menos de medio século despois.
Tras a morte de Reimundo de Borgoña (1107) e a coroación rexia de Dona Urraca (1109), o reino de Galicia volve formar parte principal da axenda política deses momentos. O pequeno Afonso Reimúndez, futuro Afonso VII, fillo de Reimundo e Urraca, vai aglutinar arredor de si a un grupo de aristócratas que defenden os seus dereitos a gobernar Galicia tal e como fixera seu pai, en especial unha vez que Dona Urraca volve casar. Desta volta faino có rei de Aragón Afonso I, quen ten pasado aos libros de historia co alcume do Batallador. De feito, no ano 1111 o neno Afonso vai ser coroado como rei na Catedral de Santiago. Unha entronización promovida polo conde Pedro Froilaz, cabeza visible do clan aristocrático que coñecemos como os Traba, máis o bispo de Compostela, Diego Xelmírez. Aínda que a nosa fonte principal para documentar este feito, que non é outra máis que a Historia Compostelá, non o indique taxativamente, o reino do que é coroado rei o pequeno Afonso é o reino de Galicia. A identidade dos promotores, ou o feito de que os asistentes sexan exclusivamente galegos son probas que sinalan nesta dirección. Mais, probablemente, o dato máis revelador é que, trala súa coroación compostelá, se intenta unha nova cerimonia de unción rexia, neste caso, na cidade de León onde a lóxica parece sinalar que sería entronizado como rei de León.
De ser certa esta tesitura, teríamos que admitir que os reinos de Galicia e o de León non están en pe de igualdade, xa que o primeiro semellaría estar supeditado á autoridade do trono leonés. Porén, no balbordo que caracteriza estes anos, tamén dispoñemos de testemuños que apuntan cara outra dirección. Grazas a unha carta saída do entorno de Afonso Reimúndez, e que coñecemos porque foi copiada na Historia Compostelá, sabemos que nun momento de máxima tensión coa súa nai, se fala con certa claridade da posibilidade de recuperar un reino de Galicia semellante ao que dirixira García. É dicir, non un reino asociado e supeditado ao trono leonés, senón un plenamente independente e sen ataduras de ningún tipo con outras entidades políticas.
O feito de que esta reedición do reino de pleno dereito non pasara de proxecto que non chega facerse realidade, entendo que non lle resta valor histórico. Reflicte que no ideario político desta altura, esta alternativa enténdese como perfectamente viable, barállase como alternativa e considérase como un proxecto con toda a súa lóxica histórica.
Convertido en rei no ano 1126, Afonso VII esqueceuse das posibilidades políticas de recrear o reino de don García. Malia ter nacido en Galicia e terse criado nela, ao tempo de verse plenamente implicado nos seus asuntos políticos, os grandes proxectos daquel neno que fora coroado rei de Galicia no templo de Compostela pódese dicir que obviaron Galicia e, sinaladamente, a posible recuperación dun reino autónomo de Galicia. É o tempo en que o goberno de Galicia vai quedar nas mans da gran aristocracia galega, en especial dos integrantes do grupo familiar dos Traba que adoitan desfrutar do título de condes de Galicia. Xunto a estas familias, a Igrexa galega vaise ver recompensada coas cartas de couto, instrumento que lle garantía o control social e político dunha parte non pequena dos territorios de Galicia.
Tal e como fixera, case un século antes, Fernando I, Afonso VII decide partillar os seus reinos tras a súa morte. Castela, xunto a Toledo, para Sancho III; León e Galicia, para Fernando II. Esta división mantívose até o 1230 e, neste período de tempo, estes dous reinos non só foron claramente independentes o un do outro, senón que mesmo chegaron ser rivais en mais dunha ocasión. Malia que a maior parte dos historiadores segue a falar só de reino de León, o certo é que nunha parte substancial dos diplomas emitidos polas chancelerías rexias dos dous monarcas deste período (Fernando II e Afonso IX), eles mesmos intitúlanse como reis de León e Galicia. Deste xeito dáse a imaxe de reino composto por dous e, obviamente, percíbese a continuidade histórica do reino de Galicia.
Ao longo destes tres cuartos de século, igual que León é a sé rexia por antonomasia, non hai dúbida de que Compostela consolida a súa función como cabeceira relixiosa, espiritual e simbólica do reino. Entre as moitos probas desta capitalidade espiritual, penso que unha das máis rechamantes é o feito de que os dous monarcas galaico-leoneses desta época tomaran a decisión de enterrarse na basílica de Compostela. Deste xeito abren un novo proxecto de panteón rexio que complementa aos anteriores.
1230 inaugurará unha nova fase na historia de Galicia. Coa unión dinástica de León-Galicia e Castela que se produce con Fernando III, o vello reino de Galicia vai perder unha parte do protagonismo político que tivera até o momento. Máis esa é xa outra historia.
4 comentarios en “O Reino de Galicia entre o reinado de Garcia e o de Afonso VII (1065-1157)”
“raramente existe mención al reino de Asturias” di o autor deste artigo… o que é falso porque non existe mención ningunha. De feito el NON AS MENCIONA. Non pode, porque non existen.
A documentación medieval fala sempre dos reis e do reino de Galicia!!. Máis claro supoño que a estes académicos que levan a vida toda camiñando por unha senda errada non lles é doado caer da burra… Se cadra é que lles vai o soldo
A documentación galega cómo se refire a Galicia? Non é frecuente que na documentación alto medieval se especifique de donde son reis os reinantes. Convidado a revisar toda a documentación altomedieval para ver cantas menciones atopa. Non é certo, xa que logo é falso, que a “documentación medieval fala sempre dos reis e do reino de Galicia”
O volume de Lucas Álvarez sobre as chancelerías rexias pode servirlle para comezar.
O comentário sobre o soldo é, sinxelamente, penoso e insultante.
dcccLIIII,regnante dominissimo principe Adefonso in Asturias vel in ceteras provintias
nouembris, era DCCCLXVI, regnante domno Allefonso rege in Asturias
Só dous exemplos, do século IX, que pode consultar no codolga. Pode atopar varios máis…
https://corpus.cirp.gal/codolga/buscas
Moi bo artigo, parabens!