Desde que Orgullo Galego comezou a súa andaina no ano 2016, a divulgación da nosa historia foi un dos principais obxectivos que nos marcamos. Neste campo, un dos períodos máis fascinantes como é o do Reino de Galiza tivo e ten moita importancia. Así, dentro das nosas humildes capacidades, publicamos infografías, artigos, historias e mesmo conversas con historiadores como Anselmo López Carreira que mereceu o premio do público do concurso Youtubeiras.
Neste ano 2022 a área de Cultura da Deputación da Coruña lanzou uns fondos para a divulgación de Proxectos Culturais do Reino de Galiza. A iniciativa foi un completo éxito e, cun límite de financiamento de 20 proxectos, presentáronse máis de 120 propostas.
Orgullo Galego tivo a enorme sorte de poder formar parte deses 20 proxectos escollidos polo xurado, onde podemos atopar documentais, roteiros, videoxogos, etc., en definitiva, moitísima calidade que mostra a riqueza e importancia que ten este período no conxunto do pobo malia o ocultamento ao que o teñen sometido.
Desde a comunidade decidimos dedicarlle moitos esforzos á nosa proposta, que baixo o título “O Reino de Galiza: Coñecer o pasado para construírmos o futuro”, busca a visibilizar do Reino de Galiza, mostrar a realidade con datos e rigorosidade, acompañados de expertos e expertas da materia que contribúan a mudar ese relato hexemónico que considera un dos reinos máis importantes de Europa como unha anécdota sen case percorrido.
Para mostrar a nosa proposta utilizaremos as redes sociais como non podía ser doutra maneira. Se internet e as redes sociais son o principal espazo de socialización da nosa sociedade, entendemos que a nosa historia ten que estar presente neste campo, para poder chegar a un público amplo diverso e poder complementar outros espazos de divulgación máis habituais.
Entre os meses de xullo e novembro desenvolveremos un ambicioso proxecto nas nosas redes sociais mais que terá como centro neurálxico o apartado web reino.orgullogalego.gal. Facebook, Twitch, Twitter, Instagram, Telegram ou Tik Tok contarán con numeroso material de diversos períodos do Reino de Galiza. Todo o proxecto contará cunha identidade gráfica propia vinculada á actual que xa temos.
Desde xa estamos traballando para coordinar datas e material, mais xa podemos pasar a presentar o que será o programa de Orgullo Galego que leva como título “O Reino de Galiza: Coñecer o pasado para construírmos o futuro”.
Programa
Conversas online no Twitch
- Conversa con Anselmo López Carreira: Por que o Reino de Galicia desapareceu da historiografía española? Esta conversa será na segunda quincena de outubro, se non hai novidades, o 20 de outubro ás 20h30.
- Xosé Ramón Hermida Meilán: Revoltas galegas contra Castela, do século XIII ao XV. Esta conversa será na primeira quincena de setembro.
- Manuel Gago Mariño: Os viquingos: Relación e presenza no Reino de Galicia. A conversa será na primeira quincena de outubro.
- Carlos Barros Guimeráns: As Revoltas Irmandiñas. A conversa será o día 12 de setembro ás 21h.
- Eva Moreda Rodríguez: O Códice Calixtino: A música no Camiño de Santiago na Idade Media. O Reino de Galicia como centro de peregrinación. A conversa será o día 20 de xullo ás 21h.
- Alexandre Peres Vigo: A imaxe do Reino de Galicia, dos galegos, e da súa lingua a finais da Idade Media. A conversa será na última semana de agosto.
- Francisco Rodríguez Sánchez: A evolución política do reino medieval galego (séculos X-XV). A conversa será na última semana de outubro.
- Héitor Picallo Fuentes: O ciclo artúrico e o escudo do Reino de Galicia. A conversa será na primeira semana de novembro.
Lembrar que todas estas conversas serán anunciadas con antelación nas nosas redes sociais e poderás seguilas en www.twitch.tv/orgullogalego sen necesidade de ter Twitch, aínda que é recomendábel facer conta e seguirnos para poder facer preguntas no chat. Nos días seguintes a cada conversa subirémola definitivamente á nosa canle de Youtube (e tamén poderás velos nesta propia web).
Artigos formativos
Estes artigos serán publicados nun apartado específico sobre o Reino de Galiza en reino.orgullogalego.gal e posteriormente estarán en todas as nosas redes sociais. Todos eles serán publicados entre os meses de xullo e novembro.
- Xosé Ramón Hermida Meilán: O Reino de Galicia nas crónicas europeas.
- Manuel Gago Mariño: Historias do Reino de Galicia.
- Francisco Rodríguez Sánchez: A evolución política do reino medieval galego (séculos X-XV).
- Carlos Barros Guimeráns: Artigo introdutorio ás Revoltas Irmandiñas.
- Eva Moreda Rodríguez: Cantigas de Amigo: Música e natureza no Reino Medieval de Galicia.
- Xosé Miguel Andrade Cernadas: 2 artigos: O Reino de Galicia entre o reinado de García e o de Afonso VII (1065-1157) // Galicia na cartografía da Europa medieval.
- Alexandre Péres Vigo: As raíñas galegas no século X.
- Borxa González Castro: Introdución histórica á existencia do Reino Suevo de Galiza. Comprendermos a súa importancia.
- Borxa González Castro: A lingua do Reino de Galiza.
- Héitor Picallo Fuentes: Cálices e trevos galegos na emblemática medieval europea.
Vídeos para Tik Tok
Nesta rede social subiremos 4 vídeos específicos sobre distintos períodos do Reino de Galiza.
Posteriormente divulgarémolos tamén nas outras redes sociais aínda que o obxectivo central é achegar a nosa historia a unha plataforma cunha presenza importantísima da xente máis nova. Sairán todos entre os meses de setembro e outubro, con datas de inicio do primeiro o 8 de setembro.
- Que é o Reino Suevo?
- Xoán de Gante, Duque de Lancáster e Rei de Galicia
- Vitiza, un visigodo rei de Galicia
- A importancia da fundación de Pontevedra no Reino de Galicia
Infografías para redes sociais
Desde o mes de setembro tamén comezaremos a divulgar en Facebook, Instagram, Twitter e Telegram varias infografías que buscan achegar contido máis sintético pero de igual importancia nestas redes sociais. En total serán 10 infografías que terán como data de inicio o martes 13 de setembro.
- Existencia dun panteón real na Catedral de Santiago
- Presenza do Reino de Galiza na Cartografía Europea
- O Reino Suevo, primeiro reino dentro dos límites do Imperio Romano que acuñou moeda propia
- Quen foi o rei Hermerico?
- Raíñas de Galiza: Sancha e Urraca
- Que é o priscilianismo?
- Quen foi García II?
- Que foi a Era Compostelá?
- Maeloc. Unha pequena introdución ao bispo galego
- O Reinado de Requiario
Para rematar, dicir que todas as publicacións levaran os cancelos #UnReinoPorDescubrir #ReinodeGaliza e #ReinodeGalicia.
Tamén a plataforma de Youtube servirá como espazo para subir pequenos cortes das conversas (shorts) e mesmo dos videos de Tik Tok. Este é o traballo que desenvolveremos nos vindeiros meses, seguide as nosas redes sociais para estar atentos e atentas a todos os anuncios e non perder nada, aínda que todo este contido quedará permanentemente subido na nosa páxina web e na canle de Youtube.
1 comentario en “O Reino de Galiza: Coñecer o pasado para construírmos o futuro”
Grazas