Sancha e Dulce, as raíñas que puideron ser

A confrontación con Castela marcou a historia da Galiza desde mediados do século XI. A esta dialéctica responderon as diversas alternativas defendidas polas nosas clases dirixentes até a separación da área castelá do reino galego, formulada, primeiramente, polos monarcas Fernando I e Sancha I e sancionada polo seu neto Afonso VII. Nesta dinámica, a morte de Afonso VII abriu a porta a comezo da incorporación subordinada do Reino de Galiza á Coroa Castelá.

A acción política dos anos finais do goberno de Afonso VIII estivo orientada a garantir a continuidade dun reino de Galiza independente arredado da órbita castelá. A morte á volta de 1214, cando só contaba con 22 anos de idade do seu fillo Afonso, froito do seu matrimonio con Tareixa de Portugal, supuxo un duro golpe para o seu proxecto, nun contexto dun enfrontamento cada vez maior con Castela.

Os litixios dos galegos co reino veciño viñan de lonxe, tecendo este monarca diversas alianzas no ámbito peninsular para debilitar o peso castelán que contaba co forte apoio do papado, até pór en marcha en 1191 o pacto de Huesca, unha liga impulsada por Afonso VIII coa apoio dos reinos de Portugal, Navarra e Aragón para loitar contra Castela. A proclamación en 1217 do seu fillo Fernando como rei castelán derivou nun enfrontamento aberto co pai que interveu na política dese reino en defensa dos intereses galegos, producíndose unha ruptura definitiva entre ambos que, durou mesmo até a morte de Afonso VIII.

Afonso VIII rematou por nomear como sucesoras á coroa da Galiza ás súas fillas Sancha e Dulce. Á volta de 1217 o monarca galego despoxou dos seus dereitos sucesorios ao infante Fernando, froito do seu matrimonio coa castelá Berenguela, deixando desde aquela de nomealo nos seus documentos e reiterando en diversos documentos a súa negativa á aspiración ao trono.

Un ano máis tarde, no 26 de agosto de 1218, pai e fillo asinaron a Paz de Toro, un acordo polo que puxeron fin ás hostilidades entre Galiza e Castela, onde o futuro Fernando III renunciou expresamente a calquera dereito sobre a coroa galega e recoñeceu como lexítimas herdeiras ás súas irmáns Sancha e Dulce. Na mesma liña, o 13 de xuño de 1219 Afonso VIII fechou un pacto con Portugal  no val de Baroncelle na Lima, onde se afirmaron outra vez os dereitos sucesorios de Sancha e Dulce, fillas do matrimonio coa raíña portuguesa Tareixa, comprometéndose o reino veciño a garantilos, mesmo, militarmente após a morte do rei galego.

Dona Sancha e Dona Dulce foron confirmadas como raíñas polo partido galego á morte de Afonso VIII en Sarria en 1230. A primeira, primoxénita do monarca finado e da súa esposa Tareixa de Portugal, naceu en 1192, foi educada na Galiza, separada da súa nai e ocupaba a preferencia do pai para a sucesión, tendo participado en diferentes operacións matrimoniais a partir de 1216 para garantir a independencia do reino, chegando a prometerse co rei castelán Enrique I, irmán de Berenguela e tío do seu medio irmán Fernando, co que estaba enfrontado e tamén con Xoán Briene, o rei cruzado de Xerusalén, sendo anulado o matrimonio polo papa. Dulce, nada en 1194 e educada canda a súa nai en Portugal, após a morte do seu irmán Afonso pasa a residir a carón do pai, participando xa proclamada raíña na xira organizada pola oligarquía galega pola área leonesa e zamorana do reino galego, sinalando as crónicas, na liña do xa apuntado por Vicceto, que neses territorios o apoio non era tan unánime como na Galiza nuclear.

Fernando III, apoiado polos magnates casteláns e o vaticano, reclamou o seu dereito ao trono, rachou cos acordos asinados co seu pai no tratado de Toro de 1218 e iniciou o seu avanzo cara o reino de Galiza, avalado por unha bula do papa Honorio III, que o declaraba herdeiro da coroa galega. Mentres galegos e casteláns se preparan para unha nova contenda militar, as raíñas Berenguela de Castela e Tareixa de Portugal, antigas esposas de Afonso VIII e nais dos contendentes ao trono, reuníronse en Valenza, fixando os termos do acordo asinado posteriormente o 11 de decembro de 1230 en Benavente polos irmáns, nos que Sancha e Dulce renunciaron ao trono a cambio dun importante compensación económica.

As raíñas galegas que se retiraron ao mosteiro fundado pola súa nai perto de Vilafranca do Bierzo, onde morreron na década dos corenta do século XIII, comprometéronse tamén, tal como recolle a Crónica latina de los reyes de Castilla, nun texto elaborado durante o propio reinado de Fernando III, “ a destruír as cartas paternas sobre a sucesión ou sobre a doazón do reino a elas”.

As causas da renuncia á coroa de Sancha e Dulce, nunca abondo aclaradas, responderon a unha combinatorio de factores. A falta de apoios internacionais á causa galega, significados no evidente patrocinio do vaticano e o Cister ao candidato castelán e na negativa de Portugal apoiar ás infantas tal como se comprometera no tratado de Baroncelle; a superioridade militar castelán no contexto peninsular, confirmada xa durante o reinado de Afonso VIII; a propia división interna no reino galego, con importantes apoios para Fernando III na área leonesa e zamorana así como nalgún sector da xerarquía católica, entre eles o bispo de Lugo e Mondoñedo, son algúns dos factores que estiveron presentes na decisión das raíñas galegas. Porén, o partido galego non deu por bo este acordo, abríndose un litixio militar contra Castela, organizando a contestación a política de Fernando III e buscando unha nova alternativa ao trono que garantira a existencia de Galiza como un reino independente.

O proceso de incorporación subordinada de Galiza á coroa de Castela non estivo exento de conflitos. A propia Crónica latina de los reyes de Castilla, escrita con práctica total seguridade polo chanceler de Fernando III, Xoán de Soria, peza central na reelaboración da historia peninsular nunha perspectiva castelanista, recoñece que “o noso rei posuíu en paz o reino paterno, agás Galiza á que non puido acudir de inmediato, e na que perduraba unha turbación que duraba desde a morte do pai”, confirmando as dificultades xa sinaladas por outras fontes do novo rei para entrar en Galiza.

Lucas de Tui, o historiador leonés ao servizo da raíña Berenguela e o seu fillo, no seu Cronicon mundi, non ten máis remedio que recoñecer a oposición dos galegos ao monarca castelán, afirmando que ao morrer Afonso VIII “houbo unha gran turbación no reino, porque moitos cabaleiros e asturianos queimaron moitas poboacións e deixáronas sen as murallas que fixera o rei Afonso e esforzábanse tamén para resistir ao rei Fernando”. O novo monarca acudiu á represión para fender a resistencia galega, afirmando outra vez Lucas de Tui que “desterrou a todos os cabaleiros que queimaran os palacios do pai”, atopándose entre os membros deste exilio galego o famoso Lourenzo Suarez Gallinato, protagonista dun capítulo de  El conde Lucanor de don Juan Manuel.

O partido galego non renunciou á loita e mesmo tentou formalizar a candidatura ao trono. A alternativa proposta polos defensores da continuidade de Galiza como reino independente, apoiada pola práctica totalidade dos señores galegos, agás os bispos de Lugo e Mondoñedo, unha parte da nobreza da área leonesa como Roi Fernández de  Valduerna en Astorga, ou García Rodríguez de Carnota que chegando a tomar a cidade enfrontándose ao propio bispo, apostaron por proclamar rei a Afonso de Molina.

Molina, fillo de Afonso VIII e Berenguela de Castela, irmán de Fernando III e pai da famosa María de Molina, non respondeu aos designios dos galegos, recollendo a Crónica latina de los reyes de Castilla “ os galegos querían alzar como rei ao seu irmán, o infante don Afonso, e por verdade así era, mais el non quixo ser”.

Pode que che interese:

O galego no Reino de Galiza. Un idioma para un territorio marxinal?

Se ben é certo, que nos estudos sobre a lingua e nos manuais académicos adoitamos tocar a evolución da lingua galega ao longo dos séculos, semella contraditoria a crenza que di que o galego foi un idioma de prestixio no contexto da inexistencia dun Reino ou no mellor dos casos, da súa existencia mais cun papel meramente marxinal.

Unha interpretación da historia medieval da Galiza

Os libros de texto dos nosos escolares cínguense na Galiza a esta versión, non tolerándose discrepancia ou crítica sobre a cuestión. Convén termos presente que esta teoría, esta percepción, do mundo medieval peninsular pivota na crenza de, nesas circunstancias, existir a idea dunha España «empeñada en la recuperación del suelo patrio», que estaba baixo poder musulmán, recuperando así a mítica unidade do reino godo.

Deixa un comentario