Unha interpretación da historia medieval da Galiza

Unha ocultación e manipulación de calado          

A formulación canónica, dentro do mundo académico do século XX, hoxe aínda preponderante, sobre cales foron os reinos medievais na Península, débese a Ramén Menéndez Pidal (1950). Para el, foron os de Castela, León, Navarra, Aragón e Portugal, e, andando o tempo, podería afirmarse, segundo el, que o quinteto o constituirían Castela-León, Navarra, Aragón, Portugal e Granada, de contarmos co mundo musulmán, tal e como fixo xa en 1470 o bispo de Palencia, Rodrigo Sánchez de Arévalo, na súa Historia Hispánica, subliñando que son León e Castela, os que fixeron valer os antecedentes godos, con afán de recuperar a unidade perdida.

Os libros de texto dos nosos escolares cínguense na Galiza a esta versión, non tolerándose discrepancia ou crítica sobre a cuestión. Convén termos presente que esta teoría, esta percepción, do mundo medieval peninsular pivota na crenza de, nesas circunstancias, existir a idea dunha España «empeñada en la recuperación del suelo patrio» (ibidem I: 9), que estaba baixo poder musulmán, recuperando así a mítica unidade do reino godo. A maiores, temos a procura de xustificacións para sinalar Castela como instrumento, case de inspiración divina, esencial no logro da unidade dos reinos de España, co recurso a orientar todo o pasado medieval innegábel, anterior a súa propia existencia como reino, como fonte da súa lexitimación. Esta visión case providencial, curiosamente, chocaba co criterio do mestre Menéndez Pelayo de que, nos séculos XI e XII, cando menos, «no existe la más vaga aspiración a un fin remoto reconstructor de esa unidad fragmentada por la invasión árabe» (ibidem, II: 75). Desde logo, tamén chocaba coa dos historiadores que contemplaron ese pasado cun mínimo de veracidade e adecuación ás circunstancias da época.

Porén, é verdade que a teoría de Menéndez Pidal, non así enunciada, pero si presaxiada, articulada e orientada nesa dirección, aparece xa desde o século XIII, o momento da integración, forzada pola conxuntura, do reino de Galiza na Coroa de Castela, con Fernando III, en especial na historiografía que o amparou e procurou a súa lexitimidade, a de Lucas de Tui e a de Rodrigo Jiménez de Rada. Eles deseñaron unha visión do pasado, non exenta de contradicións indiciarias de estaren agochando ou manipulando dados e información, para que puidese resultar funcional, no seu presente,  á monarquía e dinastía que servían. Endebén, a operación de dimensión máis absoluta e ambiciosa foi levada a cabo polo sucesor de Fernando, o seu fillo Alfonso X (IX de Galiza), coñecido como O Sabio, encargando a elaboración da Primera Crónica General o Estoria de España. A continuidade da operación iniciada en tempos do seu pai pasa por recoñecer como guías de autoridade aos antecesores, Lucas de Tui, en todo o que ten a ver co período desde os inicios da existencia do reino cristián, denominado de las Asturias, en principio («reyes de las Asturias», Estoria de España, 1906: 381), para concretarse axiña, en reino de León, falando xa así de Ramiro I (ibidem: 358), até Fernando I, a partir do cal, considerándose Castela o reino emerxente, que recolle a tradición expansiva leonesa, continuadora da tradición de unidade goda, a guía será Jiménez de Rada.

A Estoria alfonsina é tan sectaria e preconcibida coa finalidade de reorganizar o pasado, conforme ao deseño hexemónico castelán, coa obsesión da ocultación de Galiza e o seu papel como reino orixinario, que fai rotundas afirmacións que ela mesma, con evidente descontrol, desmente. Así, afirma que «quando el rey Rodrigo perdió la tierra, assí como sabedes, non finco en toda Espanna tierra de cristianos sino Asturias et Castiella» (ibidem: 393).  Porén, con anterioridade, coa mesma rotundidade, advertía «pero los godos que fincaran alçaran se los mas que pudieron, assi como dixiemos, por estorcer de la muerte a las montannas de los montes Pirineos et a las Asturias et a Gallizia» (ibidem: 316). A conciencia de a Gallizia non estar integrada en León, malia ocultarse a súa categoría de reino, aboia en varias ocasións, con frases tal elocuentes como a que segue, falando dos ataques normandos: «En aquella sazon que esto contecio de los normanos en Gallizia et en el regno de Leon…» (ibidem: 425). Mesmamente nalgún momento recoñece que o rei Afonso V reina en León e Galiza (ibidem: 451), para alén de ter sido criado e educado polo Conde Melendo e a súa dona Maior aquí (ibidem). Emporiso, convérteo só en rei de León a continuación. Desta forma pode chegar a asentar a idea de que, con Fernando I, o rei vasco-navarro-castelán, e Sancha, a raíña galega, «ayuntanse por primera vez el regno de Castiella et de Leon» (ibidem: 483).

O proceso de ocultación e asimilación é, pois, tan consciente como intencionado, chegando a malabarismos disparatados cando, evidenciándoo a propia documentación conservada, xurdida da chancelaría real, o cronista alfonsino vese forzado a unha reticente aceptación da existencia de Galiza como reino, que nunca foi Asturias nin León, sen prescindir da manipulación ostentosa. Referíndose ao reparto de Fernando e Sancha do seu reino entre os fillos, chega a chamar a García «el rey de Portugal» (ibidem: 497). O propio Sancho xustifica a súa desavinza con que quere ser «rey de Portogal e de Leon» (ibidem). Imaxino que non cabe a menor dúbida de, á altura do século XI, o topónimo Galiza era máis significativo que o incipiente de Portugal, pois abranguía entre Douro e Miño tamén, sendo o referencial do reino. Tanto é así que, a continuación, se pon en boca do propio Sancho: «dezit a mio hermano el rey don García que me de toda Gallizia» (ibidem: 498). Esta obsesión descobre cal era a súa importancia e peso en contraste co reino que el recibira, Castela. E para continuar coas incoherencias e contradicións discursivas, sempre na mesma orientación, Sancho, após caer García, é presentado como «Don Sancho de Castiella et de Gallizia  et de Portogal» (ibidem: 505), sen aludir para nada á súa categoría de rei. E como se Galiza e Portugal fosen no século XI dúas realidades políticas diferenciadas.

A base sociolóxica e espacial do rei Afonso VI, en quen acabarán por confluír os reinos de Galiza, León e Castela, após a morte de Sancho en Zamora, non deixa lugar a dúbidas, ao se referir á súa vinda do desterro: «Los de Leon, los gallegos et los asturianos […] fueron muy alegres con su venida» (ibidem: 518). Desde logo, resulta clamorosa a ausencia de referencias a Xelmírez, ou Pedro Froilaz, durante o reinado de Afonso VI e Afonso VII, reinados que non se explican se non é coa base de apoio galega, e sen a influencia nestes monarcas da clase dirixente galega. É tan rechamante esta lagoa intencionada, e ben expresiva da animadversión da monarquía castelá perante poderes públicos representativos do reino de Galiza e os aspectos e incardinación nitidamente galegas dos reis anteriores á existencia de Castela como reino, que, no século XIV, alguén considerou que había que engadir unha nota referencial (ibidem: 476) ao papel de Diego Xelmírez, Pedro Froilaz e o nacemento de Afonso VII en Caldas de Rei (sic) e a súa educación aquí.

Todo o antedito ilústranos sobre como o discurso histórico foi usado para construír unha determinada visión, que servise para baleirar de existencia orixinaria e de contido político un reino politicamente existente. E fíxose co recurso a esta lembranza do pasado nunha chave que o anulase, desmerecese e asimilase a outros, desde o comezo. Alguén pode preguntarse sobre as motivacións. Non cabe a menor dúbida de que foi a secuela derivada dun grave conflito político no século XIII, que tiña como antecedente a constatación práctica de o reino de Galiza, os seus reis e a súa clase dirixente teren unha estratexia diametralmente oposta e antitética á do reino de Castela.

Esta antítese práctica provocou desavinzas, confrontacións, entre reinos e reis, cunha lexitimidade se apoiaba nun pasado, do que uns eran descendentes máis xenuínos que outros e cun maior avoengo, polo tanto. Ese avoengo, esa antigüidade, en primeiro lugar, debía ser desvinculada da existencia do reino de Galiza como primixenio no tempo, pois el representaba o inicio e o desenvolvemento dun poder cristián. Era o mesmo reino que tiña no seu seo o maior símbolo lexitimador do poder político: a tumba do apóstolo Santiago. Era o reino máis poderoso, a base demográfica, económica e cultural de maior densidade e peso. Con el estaban identificados os dous reis que, para a Estoria de España alfonsina, son os máis díscolos, criticábeis e inadaptados, en relación coa historia triunfante, malia seren antepasados dos reis casteláns Fernando III, cuxo pai foi Afonso VIII (IX) e cuxo avó paterno foi Fernando II, e o neto deste, Afonso X (IX), o impulsor da Estoria de España. Tratouse, pois, dunha ruptura en toda regra, e á vez dunha apropiación unilateral da historia, propiciada por ser, a partir do século XIII, cando os aparatos da monarquía se empeñaron en deixar constancia da memoria do pasado como fonte de lexitimación propia, de hexemonía política e de adecuación á dinámica do reino, recorrendo ao uso do romance para iso, e obviando o latín.

Imos, pois, percorrer algunhas referencias da Estoria de España a estes reis malditos. O alcance do desacougo e da antipatía excede á que se sinte polos dous reis, naturalmente paliada a súa culpabilidade por seren vítimas de malos e intrigantes  conselleiros (ibidem: 671). Vai contra a influencia da clase dirixente galega, contra o poder ao que respondían estes reis, no que se sustentaban. Contra toda evidencia documental, contra a dinámica política existente, os vínculos familiares dos reis, as esposas, e educación dos fillos, as preferencias por cidades, os poderes relixiosos e señoriais que os arrouparon, resulta que Fernando II e AfonsoVIII (IX) son só reis de León para a Estoria de España alfonsina. Non pode pasar desapercibida esta amputación, pois se realiza a unha distancia temporal que non chega a cen anos dos reinados de ambos reis. E coñecemos quen é un dos poderosos intrigantes que actuou perturbando  Fernando II, Fernando Ruys de Castro, casado coa irmá do rei, Estefanía. A sombra do poder de Fernando II paira pola forma de analizar o seu reinado. Endebén, o estoupido de animadversión é máis claro e contundente cando se narra, de forma colateral, máis marxinal, como en parte con Fernando II, o sucedido no reinado de Afonso VIII (IX), entregado en grao máis pernicioso a murmuradores e intrigantes. O corpo do delito comeza por ter casado cunha infanta portuguesa, Tareixa, filla do rei de Portugal, con parentesco de segundo grao, co nacemento de Sancha, Fernando e Dulce. A condena deste matrimonio como unha estratexia hostil ao rei de Castela, o seu curmán, Afonso VIII, só é compensada co posterior, obrigada a separación por pena de excomuñón e interdición dos reinos polo Papa, con Berenguela de Castela, filla do monarca castelán. A separación neste caso, obrigada polo Papa Inocencio III, tamén por causa de proximidade sanguínea, é tratada de forma benévola e, sobre todo, a descendencia no futuro Fernando III como unha auténtica clarividencia política da súa nai Berenguela

Velaí a cuestión, o problema. O empeño do rei galego en garantir que, morto o seu descendente xenuíno, de nome Fernando Afonso, habido coa infanta portuguesa, a herdanza de Galiza e León ficase garantida para as súas fillas Sancha e Dulce. Total preocupación por que non se producise a confluencia dos seus reinos con Castela baixo un rei que, como o futuro Fernando III, tamén o seu fillo, era un instrumento claro dunha estratexia que a nai, Berenguela, encabezaba, conducente ao hexemonismo castelán. O cronista desenvolve unha explicación do acontecido, cargada de censura selectiva. Sinala o perigo que representaba que Sancha e Dulce, que cualifica de portuguesas, cando son realmente galego-portuguesas, «ya gitavan con sus conseieros commo revelassem el regno al rey – pois, para o cronista tiña que ser Fernando- , et trabaiasen de guerrear et de defendergele» (ibidem: 723). O poder eclesiástico leonés (ibidem) , sobre todo, foi un elemento clave para inclinar a balanza cara Fernando III, xa rei de Castela entón, por renuncia da nai. Foi en León onde foi alzado por rei. O cronista fai entón a operación de considerar o reino unicamente como reino de León, obviando que Galiza estaba á marxe desta operación. Óptase por censurar cal era a situación aquí e como se tivo que mover a posteriori o rei Fernando III por toda Galiza para calmar os ánimos e vender unha integración pactada con parte da clase dirixente. Malia ser de forma larvada e parcial, si conta cales foron os métodos empregados para dobregar a vontade inicial de Tareixa e das súas fillas de respectar o testamento de Afonso VIII e o seu Tratado de Baroncelle co rei Afonso II de Portugal. Subliña o protagonismo de Berenguela, sen dúbida contando co apoio da Orde do Císter e das Ordes Militares, na negociación coa infanta portuguesa e as súas fillas. Indica que foi a Valencia (seguramente, Valença do Miño) «para verlas y fablar con ellas de paz et de abeneçia entre ellas et el rey don Fernando» (ibidem: 724). A ameaza de guerra, a presión relixiosa e a oferta económica substanciosa levou as tres mulleres a asinar avinza en Benavente: 30.000 maravedís de ouro cada unha mentres viviren. Fernando III entrevistouse con Sancho de Portugal en Sabugal para garantir a súa non intervención.

O cronista sabe da discrepancia e oposición a esta manobra, a esta avinza, por boa parte da clase dirixente galego-portuguesa, que se vía desprovista de alternativa e nunha conxuntura delicada, e a ela alude, coa natural omisión da palabra maldita, Galiza, galegos, e coa consabida intención descualificadora dos intrigantes e murmuradores: «Desta razon peso a los grandes omnes del reyno, porque la reyna donna Teresa queria abeneçia con el rey don Fernando et non guerras e mal por o ganasen ellos» (ibidem). A eliminación é tan groseira que o reino de León leva implícita Galiza, pois xustamente foi por este reino, non por terras leonesas, onde Fernando III tivo que andar, como di a Estoria de España, moverse, para convencer de que ningún privilexio ou forma de relación coa clase dirixente mudaría. Sen dúbida o que si mudou foi xa de principio a forma de aprezar e considerar o reino de Galiza na chancelaría real. Na documentación real ocupará o primeiro lugar, na enumeración dos reinos da Coroa, Castela, a seguir León, Toledo, Galiza e sucesivamente as conquistas dos reinos mouros de Andalucía cando se produciren. Unha xerarquía guiada polo hexemonismo e pola visión manipulada do pasado, indiferente á antigüidade de cada un e ao seu papel e relevancia no pasado e mesmo naquel presente. Chegou a producirse tamén o fenómeno asimilista na documentación real, de forma escasa pero significativa, consistente no rei considerarse de Castela e León, dando o reino de Toledo e todos os andaluces por incluídos no primeiro, e Galiza no segundo, embora sen abandonar, a maioría das veces, a enumeración da pluralidade real dos reinos que se integraron na Coroa de Fernando III.

Sen dúbida algunha, a Estoria de España alfonsina é un contributo esencial para nos inducir a aceitar como normal a eliminación do reino de Galiza. Faino tan á mantenta que sabe que o reino orixinario cristián extenso corresponde á Gallaecia romana, porén cinxindo a categoría real a Asturias, primeiro, e logo a León, xustamente as que vai considerar como antesala de Castela, como os seus precedentes lexitimadores, deixando claro que a terra castelá non foi dominada por outros, malia a evidencia da súa tardía aparición e da constatación irrefutábel dos seus condes estaren sometidos a relacións de vasalaxe dos reis galegos, navarros ou aragoneses. As páxinas que dedica  a Estoria ao conde Fernán González, sobre todo, pero tamén ao Cid, son de tanta magnitude que só se explican desde unha visión mítica e desde a conciencia de que hai que avultar personaxes ou sucesos do espazo castelán, en épocas de irrelevancia, para así serviren de contrapeso aos centros do poder, e de afirmación dunha relevancia que non había.

O embrollo e a manipulación non lograron, con todo, destruír un aspecto da realidade histórica, embora a minimicen, agochen, desfiguren ou enmascaren: o reino orixinario, na súa extensión e desenvolvemento correspóndese coa concepción romano-sueva da Gallaecia, e este nome permaneceu constante ao longo dos séculos, malia acabar sendo designación exclusiva da súa parte nuclear, o reino de Galiza, onde, polo demais, se consolidou o poder cristián orixinario. Na historiografía posterior esta concepción non desapareceu de todo. Na Monarquía de España, de Pedro Salazar, alúdese a «la genealogía de los Señores reyes de Asturias, Oviedo y Galicia» (1770: IV). Tamén se encarga de probar que «nunca el condado de Castilla estuvo sujeto al Reyno de León» (ibidem), seguindo as pautas marcadas na crónica alfonsina, e con evidente asimilación de Galiza. Falando do rei Pelaio, explica: « Los godos que se recogieron en lo alto de España en las provincias de Asturias y Galicia y los naturales de ellas, hallándose sin rey y capitán […] con buen acuerdo y acertada determinación acordaron elegir Rey a quien todos estuviesen sujetos» (ibidem: 83). Precisamente, analizando as divisións administrativas do reino de Filipe II, di que Galiza ten á fronte un gobernador, «y a mí me parece que debiera llamarse Virrey, pues Galicia es Reyno, y no simple Estado, donde los que rigen suelen llamarse gobernadores» (ibidem: 96). Admite que Castela non existiu como reino até 1034, isto é o século XI (ibidem: 126). E recoñece que, na enumeración dos reinos da monarquía, a orde non foi ditada pola antigüidade e autoridade de cada reino, senón de quen era patrimonio cada un, do rei ou da raíña, no caso de Fernando I e de Sancha, en clara discriminación da muller. Desde o criterio da fundación das Coroas, «se hallaba Castilla posterior» (ibidem: 128). Cando se produciu a integración (1230-1233), con Fernando III, o resultado foi o mesmo, porén desde a óptica da prioridade ditada por un prisma castelá, o reino por el herdado primeiro e co que se identificaba: rei de Castela e Toledo e de León e Galiza. Na evolución posterior, a tendencia foi a marxinar máis o reino galego, pasando a considerarse integrado na Coroa de León (reino de Galiza, Asturias de Oviedo, provincia de Estremadura e as propiamente leonesas, segundo o propio Pedro Salazar, ibidem: 101) e finalmente na Coroa de Castela, embora nunca fose privado da súa condición do reino dentro dos títulos que adornaban a casa real española. Vese, pois, como hai un proceso progresivo de fagocitación.

É o momento, pois, de subliñar que resulta imposíbel facer unha historia medieval, con mínimos de autenticidade e verdade, se non se parte do criterio da pluralidade nacional ou de reinos na Península. Non se poden tolerar eliminacións interesadas ou terxiversacións para adaptar o pasado ás conveniencias do presente ou ao proceso intencionado que foi configurando esa visión histórica sobre o medievo peninsular a través dos séculos. Poñamos un botón de mostra: «Sin Castilla independiente […] la reconquista no hubiese sido española […] Sólo Castilla excitada de continuo con el eco de los atambores árabes, desgarra su seno, se inmola en aras de la patria y brota la idea nacional. La sangre que empapa los campos engendra soldados» (Canalejas, 1861; cfr. Ortega Rubio, 1908,I: 362). É unha historia de fazañas, que, antes do que eles chaman a súa independencia co mítico Fernán González, ten o precedente dunha lenda asturiano-leonesa (o mito de Santiago), segundo a visión da historiografía castelanista ou españolista, como a de Ortega Rubio ou antes a de Francisco de Paula Canalejas, representativos do liberalismo español. Como se ve, nin  sequera Santiago é unha invención ou achado galego.

Porén, aquí si houbo historia e máis relevante e potente, medida mesmo cos seus parámetros teóricos, e personaxes nada lendarias, mais si cun labor transcendente, rechamante e innovador en múltiples facetas. Elas, entre outras moitas, amosan a existencia no reino de Galiza dunha clase dirixente, dotada dunha estratexia e duns obxectivos, en esencia perdurábeis ao longo de varios séculos. Elas son os que imprimen unha coherencia rechamante á nosa historia medieval até o século XIV. Foi así tanto na etapa en que Galiza foi un reino con reis propios, sen sometemento nin subordinación a outros (s. VIII-XIII), como na que abrangue unha integración, inestábel e conflitiva, nunha monarquía plurinacional (s. XIII-XIV).  . 

O reino cristián orixinario, a súa conformación e consolidación (VIII-XI)

Se analizamos a nosa historia medieval, entre os séculos VIII e XIII, e mesmo en certo modo até finais do século XIV, comprobamos que Galiza tivo unha evolución normal, como nación e reino, se nos atemos ao proceso aberto após a denominada invasión musulmá. Queremos dicir que contaba cun poder político propio, cunha dinámica demográfica, económica e cultural ascendente, e mesmo cunha lexitimidade, fundada, como é lóxico, nun símbolo relixioso de grande potencia. Ademais, este núcleo de poder cristián expansivo non se articulou desde cero, como se houbese solución de continuidade co pasado, pois na realidade, unha parte de Galiza, en especial a setentrional e boa parte da litoral ao norte do Miño, non chegou a estar dominada nin totalmente nin  con duración significativa polos musulmáns. É significativo que a tradición cronística castelanista non se atrevese a negar que unha parte da Galiza ficou á marxe do poder musulmán, ou mesmo que a palabra Gallaecia abranguía unha parte moi extensa da Península, a noroccidental, incluíndo Asturias, León e Tierra de Campos. Para o cronista do século XIII, Lucas de Tui (1926: 271), a resistencia goda mantívose en Asturias e Galiza. O propio Jiménez de Rada (1893: 151), arcebispo de Toledo, na súa crónica castelanista tamén do XIII, após obviar todo o que pode o nome de Galiza e de Santiago, como centro e mito nuclear do poder cristián, reproduce unha carta do Papa a Afonso III, na que o designa como gobernador de Galiza. Noutra, denomínao «glorioso rei das Gallicias» (ibidem).

En fin, as contradicións internas nas crónicas con esta orientación son relevantes. Sexan asturianistas, leonesistas ou castelanistas, por tanto, en esencia, non contraditorias na súa intencionalidade entre elas, teñen o denominador común de como obviar e ou desfigurar a aparición, consolidación e expansión dun poder cristián orixinario de forma que Galiza e os galegos non aparezan ou reduzan o seu relevo. Por iso, malia todo, a realidade aboia, con maior ou menor envergadura no seu discurso histórico.

Así, por exemplo, hai quen, como lle pasa ao cronista da chamada  Crónica Silense, escapa de chamarlle a Galiza reino, porén escribe: «Fernando [refírese a Fernando I] tomou en matrimonio a Sancha, filla de Afonso [refírese a Afonso V], rei de Galiza» (1921: CXIII). E dá sempre a impresión de que todo vén de Galiza, sen pretendelo. De feito, a historiografía castelanista, se ben obviando, como norma, a entidade superior do reino de Galiza até o século XIII, foi respecto das orixes do poder cristián e a súa expansión, en moitos casos, até o século XIX, algo ponderada e con fendas que revelan a verdade. O xa citado Pedro Salazar de Mendoza (1770, I: 82, 90-95, 97-98…), cóengo en Toledo, na súa Monarquía de España, recoñece a maioría dos reis como galegos, fala do reino de Galiza, nunca emprega esta palabra para referila a Asturias, e no fondo manexa a idea da Galiza extensa que reuniría o reino de Galiza, Asturias de Oviedo e as terras propiamente leonesas ou reino de León, desde o século IX ao XI… Máis tarde, sobre todo a partir do século XV, con intención política, debuxouse o espectro dunha Coroa de León que abranguería todo o antes enumerado, sen que nunca desaparecese o reino de Galiza. Como non podía ser menos, é consciente do grande poder e da estratexia que defendían boa parte das clases dirixentes galegas.

Velaí por que Pedro Salazar de Mendoza continuaba na liña de castigar os Trava, mostrándolles unha aversión política clara. Recoñecía así, aínda case cinco séculos máis tarde, que a estratexia da nosa clase dirixente era moi distinta á que seguiran as clases dirixentes de Castela. Nos nosos días, de forma lenta pero inexorábel, estase abrindo paso, sobre todo no campo da investigación, a concepción que os nosos historiadores clásicos teñen sobre a Galiza altomedieval, como o centro nuclear dunha Gallaecia máis ampla (romano-gótico-sueva), a aludida polos árabes e, en certa maneira, ás veces pola documentación franca ou vaticana. Precisamente, o topónimo acabará por se referir en exclusiva á Galiza nuclear como reino. Carriedo (2019, I: 38) define así a Galiza extensa: «Galicia (la Galisiyya musulmana, hasta el Cebreiro por el este y el río Mondego por el sur), Asturias (detrás de los montes, entre los ríos Eo y Deva, como hoy), y la meseta o terra de foris (hasta los límites históricos del río Cea por el este, y el Duero por el sur)». Embora discreparmos no que se refire aos límites orientais de Galiza nuclear, consideramos acertada a inclusión na denominación extensa dos outros territorios. É importante esta evidencia para subliñar a grave distorsión que significa substituír o todo –a denominación extensa-, e en especial a anulación da Galiza nuclear, por unha parte, falando das orixes e desenvolvemento do reino cristián noroccidental. Resulta moito máis grave cando, como recoñece Carriedo (ibidem, II: 190), a Galiza nuclear, co seu «protagonismo político consiguió eclipsar finalmente la homónima Gallaecia». Os dados son tan concluíntes que Carriedo admite que «si hay una región de la Gallaecia con la que los miembros de la dinastía mantuvieron una relación muy estrecha entre 910 y 1037 (además de la foramontana urbe regia) esa fue Galicia desde luego».

Inicialmente o reino medieval galego, a Galiza estrita, protonacional, abrangue desde Ortegal até o Douro ou mesmo o Mondego, e, polo leste, chega até Navia, con lindes en Ponferrada ou Póboa da Seabra, sen estar precisados no plano político, pois o concepto de fronteira actual é alleo á concepción política feudal. Certamente, o Bierzo aparece como territorio definido en si moitas veces, o que non obsta para formar parte do reino de Galiza (as referencias a Vilafranca ou Cacabelos e aos mosteiros da zona están sempre nesa clave). Todo este espazo galego, pois, inclúe, cando menos, o norte do actual Portugal, e sobarda os lindes da Galiza administrativa autonómica. Esta é a Galiza histórica medieval, cando menos, até o século XII.

Doravante, o reino da Galiza e a condición nacional galega abranguerá aínda tamén o Bierzo e a Seabra, permanecendo esta concepción até o século XIX, mesmo en moitos historiadores castelanistas (o caso do Padre Mariana). Desde logo, cabe non esquecer, ademais, que os ecos ou resonancias do pasado, a Gallaecia romana e a sueva, ou a administrativa visigótica, estiveron aínda presentes, sobre todo entre os séculos VIII e X, para denominar a parte noroccidental da Península nunha dimensión moito maior á que logo foi coñecida como reino de Galiza en puridade, e, por suposto, a Galiza administrativa actual. O feito indiscutíbel é que esta denominación é a única que perdurou no tempo, desde o mundo romano, para se referir a un espazo peninsular definido e específico, con maior ou menor extensión ao longo do tempo. Neste sentido, non pode haber reparo en considerar que Asturias ou León e mesmo Tierra de Campos formasen parte desa Gallaecia ampla, extensa, de ecos romanos, suevos, visigóticos e percepción árabe. Mesmo é indiscutíbel que a clase dirixente galega e os reis galegos actuaron con naturalidade nese espazo, embora o consideraren terra de foris. Nel disputaron influencia cos reis de Navarra e Aragón.

É incuestionábel que a aparición do reino de León e do reino de Castela son posteriores á existencia dun poder político estruturado na Galiza máis nuclear, ab initio con reis e clases dirixentes propias, embora emparentaren, en ocasións, con familias doutras latitudes. Ben é certo que, no caso de León, o espazo constitutivo dese reino e a súa institucionalización política van moi ligados á dinámica expansiva do reino da Galiza polo leste, como a súa marca, en terra de foris, cunha urbe estratéxica, León, sede rexia moitas veces. Endebén, no caso de Castela, xorde como entidade emerxente, entre a tensión galego/navarro-aragonesa na zona, e como resultado da estratexia peninsular do Papa e as aspiracións da clase dirixente autóctona que se aliña con ela, véndoa como alavanca para consolidar un poder político propio con vontade hexemónica e espírito de Cruzada. En todo caso, parece claro que estamos nunha conxuntura na que se van perfilando os espazos protonacionais, con base cultural e lingüística ben definidas, e que se estrutura o poder político con monarquías propias en base a eles, os reinos. É o que Ladero Quesada (1998) chama o proceso de diferenciación política, que vai tomando corpo e consolidándose entre 1035 e 1217, especialmente coa política sucesoria de Fernando I e Sancha e, máis tarde, coa de Afonso VII, de clara inspiración galega.

A diferenciación política protonacional: o esplendor do reino (XI-XIII)

Non deixa de ser sintomático que o reino orixinario, o galego en evocación suevo-visigótica ou latina, acabe sendo dividido entre os seus fillos, por Fernando I e Sancha, matrimonio produto da alianza galego/navarro-castelá, finalmente, en reino de Galiza, o que sinte o resto como Terra de foris, reino de León e reino de Castela, por primeira vez con esta denominación e categoría, para se referir a Amaya ou Bardulia, zonas colindantes con Aragón e Navarra. Axiña volverán confluír nunha unidade dinástica imperial con Afonso VI, logo do proceso conflitivo que levou ao encarceramento do rei García por Sancho e ao asasinato deste polo primeiro. Máis adiante, reforzada a conciencia protonacional, e como forma de lle dar estabilidade e adecuación ao poder político monárquico respecto das realidades que representaba, por influencia da clase dirixente galega (os Trava, en concreto Fernando Peres de Trava), Afonso VII, emperador dun conglomerado imperial con centro político, cabeza relixiosa e capacidade económica no reino de Galiza, tal e como deixa claro a crónica histórica máis extensa, densa e analítica da súa época, a Historia Compostelá, dividirao en dous bloques, entre os seus dous fillos: Galiza e León, para Fernando; Castela e Toledo, para Sancho.

Naturalmente, os cronistas casteláns como Jiménez de Rada condenaron esta división, atribuíndoa á influencia dos Trava, en particular Fernando Peres de Trava, e como unha estratexia de oposición a Castela e preferencia pola unidade con Portugal. Esta dualidade viña sancionar, de forma indirecta, a independencia de Portugal, cuxo recoñecemento pleno estaba pendente, facilitando así, no reino galego, a liña estratéxica favorábel a unha confluencia ou reunificación que restaurase a Galiza histórica. Axiña se fixo visíbel, con Fernando II e co seu fillo Afonso VIII, que se apostaba por casar con infantas portuguesas para posibilitar unha confluencia dinástica. Ao mesmo tempo, após a morte de Sancho III de Castela e Toledo, evidenciouse, no reinado do seu fillo Afonso VIII (neste caso, realmente I ou III, de considerarmos reis de Castela Afonso VI e Afonso VII), que o novo reino era favorecido e amparado polos poderes expansivos de Roma, para aplicar unha estratexia na Península, que chocaba coa do reino de Galiza, até entón o de máis poder.

Se a etapa de Xelmírez e os Trava é xa unha etapa de esplendor que o Códice Calixtino pon de manifesto, hai dous monarcas, Fernando II e Afonso VIII (IX) que representan a culminación dun proceso histórico de normalidade, con mutacións espectaculares na economía, na sociedade e na arte en xeral, coa expansión das vilas, do comercio, dos intercambios culturais, da relación co mundo musulmán, o desenvolvemento da literatura trobadoresca e do peculiar románico-gótico. Non en balde, a conciencia protonacional callou na institucionalización simbólica dun Panteón Real na catedral de Compostela, por vez primeira na Península Ibérica. Estes dous monarcas, que decantaron e puíron todo o que era a traxectoria e tradición do reino galego como o de maior antigüidade e avoengo, convertéronse, en especial Afonso VIII (IX), nunha especie de herexes para Roma. Había que combatelos co recurso a todo tipo de armas. Na Península confrontáronse entón dúas estratéxicas antitéticas sobre a visión e perspectivas de futuro. Unha delas, a romana, infiltrada en reinos que lle eran dóciles e gozaban da súa protección, como Castela e, en menor medida, Portugal, consideraba que había que erradicar o islamismo na Península, co recurso a pór en práctica o espírito de Cruzada, lexitimar o poder político por subordinación ao poder do Papa e impor normas legais de obrigado cumprimento en relación coa vida moral e a familia, así como excluír a convivencia relixiosa entre cristiáns, xudeus e musulmáns. Deste xeito, ficaba consolidada a concepción e estrutura dunha Igrexa romana, coa súa estela de Ordes relixiosas e militares, que podían ditar a evolución do poder político, e por suposto dificultar o funcionamento da Igrexa como protonacional e non sometida ao poder de Roma de forma absoluta.

 Podemos imaxinar a habelencia diplomática, o grande poder e a grande identificación co rei e o reino que dous arcebispos como Soares de Deza e Pedro Muñiz deberon ter para, sen romper con Roma, non se adheriren a ela e amparar a contraria. Isto é, a que, enraizada nunha tradición cristiá menos dogmática, reticente a aceitar a uniformidade, para alén da subordinación, que Roma quería impor, apostaba pola convivencia relixiosa, disentía do espírito de Cruzada e da eliminación do Islam da Península, e, xa que logo, favorecía os intercambios comerciais, culturais, artísticos e científicos. Do punto de vista social, económico e político, impulsaba dinamismo e relación entre clases, provocando o aburguesamento da nobreza e mesmo a liberación dun sector do campesiñado que se instalaba nas vilas como homes libres, para alén de alixeirar as pexas feudais no campo polo desenvolvemento da agricultura grazas á expansión do mercado urbano.

Foi unha guerra sucia a que se librou no seo da cristiandade, de forma especial na Península na transición do século XII ao XIII, para torcer aquí a marcha dun reino e a orientación duns reis que resistiron, con boa parte do pobo detrás, incluída a maior parte da Igrexa galega, sen renunciar á súa estratexia. A guerra ideolóxica culminou coa convocatoria na Europa dunha Cruzada para combater o herexe musulmán na Península, após o sonoro fracaso de Alarcos (19 de xullo de 1195). Novamente Afonso VIII negouse a colaborar, como o mellor da clase dirixente galega, en especial os Castro, habituados xa a aliárense cos musulmáns por desafecto e disensión coa liña que se seguía en Castela.

Tampouco o arcebispo Pedro Muñiz mostrou o mínimo entusiasmo coa convocatoria, manténdose á marxe. O posterior triunfo cristián-romano de Las Navas de Tolosa (16 de xullo de 1212), coa participación de exércitos da maior parte dos reinos cristiáns europeos, auspiciada a convocatoria polo Papa, outorgou ao Alfonso VIII castelán, como principal beneficiado, unha auréola de poderoso representante da Igrexa romana. Certamente, desde este momento, o ambiente era de grave hostilidade contra o discrepante. Só o seu poder e prestixio, como no caso de Afonso VIII, podía garantir a súa subsistencia. O rei dedicouse a preparar o futuro do reino no que del dependía, en concreto quen debía herdalo, unha vez que o seu fillo predilecto, que tivo coa infanta portuguesa Tareixa, Fernando Afonso, enterrado no Panteón Real de Santiago, tiña morto de forma prematura. Asegurouse, a partir de 1217, que non fose o herdeiro do reino de Galiza e León, o seu fillo coa infanta castelá Berenguela, filla do Alfonso VIII de Castela, tamén de nome Fernando, pois xa era rei de Castela por morte misteriosa de Enrique I e renuncia política da antedita infanta. Unha serie de factores, desde a extorsión e a intimidación até a ameaza de guerra aberta, entraron en xogo para impedir que se cumprise o pactado no Tratado de Baroncelle (13 de xullo de 1219) entre Portugal e Galiza en relación á sucesión na Coroa galega e leonesa corresponder a Sancha e Dulce, cerrando así o acceso a elas de Fernando. Porén, este acabou por herdar a Coroa paterna tamén, converténdose así, para alén de rei de Castela e Toledo, en rei de Galiza e León, como Fernando III.

Hoxe é frecuente que moitos medievalistas recoñezan, de forma implícita ou explícita, que a clase dirixente, as familias nobiliarias coas súas redes vasalático-feudais, máis importante de todo o noroeste peninsular, isto é, o espazo galego e o leonés, até o século XIII, estaba vinculada a Galiza, por nacemento, relacións familiares e patrimonio nuclear. Entre os séculos X e XI foron os Goterres, a familia do coñecido como Osorio Goterres e Rosendo, con centro de referencia en Celanova, e antes en Mondoñedo; entre o século XI e o XII, os Froila, Trava ou Trastámara (por certo, así designa a Fernando Peres de Trava o propio Jiménez de Rada); mesmo, entre o século XIII e o XIV, xa coa integración de Galiza na monarquía plurinacional, os Castro. Tamén admiten que a poboación máis numerosa dos reinos cristiáns estaba na Galiza, o que posibilitou, empregando a súa terminoloxía, unha máis rápida colonización e repoboamento da zona ao sur do Miño, moi avanzada xa no século XI, en relación coa parte nororiental peninsular. Un síntoma da capacidade militar de que se dispuña. Non se oculta, por máis que non se subliñe, que os primeiros lugares onde se bateu moeda cristiá con crismón foi en Santiago, Lugo, León e Toledo por esta orde, o que non deixa de ser sintomático de onde estaba o poder económico e o político. Entre o século IX e o X, Lugo era a cidade máis grande da zona cristiá. Comeza a admitirse, pois os datos non deixan lugar a dúbidas, que moitos reis nos século IX, X e XI xa se coroaban na Igrexa de Santiago. A maiores os seus casamentos eran con mulleres das familias nobiliarias galegas que citamos.

Santiago foi a cabeza relixiosa e política do imperio de Afonso VII. A Historia Compostelá é un documento contemporáneo que mostra as relacións do arcebispo Xelmírez e das clases dirixentes galegas (os Trava), entre si, e co emperador, desde a súa infancia, e coa súa nai Urraca. Santiago foi a referencia simbólica e política dos dous reis (Fernando II e Afonso VIII) que culminaron a construción da catedral románico-gótica e impulsaron a manifestación da arte cristiá de maior fermosura e alcance conceptual até entón, o Pórtico da Gloria, así como a poesía trobadoresca en lingua romance. Na mesma catedral, lugar de coroación habitual dos rei até entón, instituíron o Panteón Real para simbolizar a continuidade da dinastía, o poder político do reino e a protección polo apóstolo fronte aos inimigos. Non imos falar do sintomático que resulta que o mito para dotar da maior lexitimidade política a un poder cristián sexa unha invención/achado galego, arredor e baixo cuxa protección se foi construíndo o reino: o sepulcro do apóstolo Santiago.

Son innumerábeis as referencias diplomáticas externas e a documentación interna conservada que revela, de forma incuestionábel, a existencia do reino de Galiza e dos reis e raíñas galegas. Só con tirar as conclusións oportunas das informacións e dados que o medievalismo hexemónico manexa, ás que fixemos referencia, o lóxico e cientificamente coherente sería rectificar o deseño dominante, que evapora o reino de Galiza, mentres enxalza o de Asturias, como orixinario, e o de León como a súa continuidade. Pouco a ver, desde logo, co que foi a creación, consolidación e desenvolvemento dun poder político cristián no noroeste peninsular. Só unha ideoloxía ferreña, impermeábel e pétrea, ao servizo dun deseño político que asentou unha determinada idea de España, pode explicar esta obsesión pola anulación do reino medieval da Galiza e o seu baleirado até convertelo nunha entelequia. Liberar a visión da historia medieval peninsular desta confesionalidade ideolóxica, que converteu o reino da Galiza no seu principal chibo expiatorio, pasa por desfacerse da retroproxección de España e Portugal existiren xa entón. Pasa por deixarse impregnar do que os datos, as fontes primarias, todas, revelan, sen adaptalas ou obvialas a conveniencia, para manter o deseño que, de forma máis enfática e cerrada, foi asentado a partir da historiografía española da segunda metade do século XIX, en paralelo coa construción do Estado español centralista e a idea de nación española única. 

Unha integración inestábel e conflitiva (XIII-XIV)

Deste xeito, comezou a etapa de integración de Galiza, de forma inestábel e conflitiva, na Coroa de Castela, embora o seu peso específico fose un poderoso factor que obrigaba ao pacto coa súa clase dirixente. Tamén consolidou Fernando III a visión do pasado, iniciada xa por Alfonso VIII de Castela, conforme a un deseño que o fixese funcional ao novo reino emerxente, para dotalo dun avoengo e tradición que non tiña. Esta visión histórica retrospectiva para afortalezar a lexitimidade da dinastía e o reino casteláns cimentouse, naturalmente, na anulación, ocultación, terxiversación e apropiación indebida do que fora o reino de Galiza, os seus reis e a súa importancia. Tomouse como os antecedentes, desde unha evocación do pasado visigodo e a súa Corte ou capital en Toledo, un reino de Asturias, supostamente xurdido desde a lexitimidade desa tradición, continuada polo reino de León, obviando a existencia do reino de Galiza. No plano simbólico optouse por unha heráldica que simplificase, sen negar a existencia legal e institucional da plurinacionalidade ou pluralidade de reinos, a representación emblemática da Coroa nun castelo e nun león, como símbolos alusivos á dualidade, Castela con Toledo, por unha parte, e a León con Galiza, pola outra. A apropiación do león era indebida, pois pasou a representar exclusivamente o reino que tiña unha designación homónima pero non sinónima (animal moi recorrido como símbolo do poder real, leonem, usado polos reis Fernando II e Afonso VIII de Galiza e León/cidade de fundación romana, Legionem). Este devalar afectou, como é natural, a consideración de todas as figuras que, no reino galego, fixeran posíbel ab initio e durante séculos, a inicial conformación e progresiva consolidación e influencia do reino de Galiza, cos seus reis e poderes institucionais. Se cos reis podían e conviña facer un deseño de absorción ou asimilación, con personaxes cuxa orixe, función, pertenza e identificación eran netamente galegas, o máis pertinente e útil era simplemente obvialos, desvalorizalos, tomalos como marxinais, sen interese representativo.

Esta relación conflitiva acabou sempre en represión, co recurso ao uso da forza para manter esa integración que, en principio fora pactada,  aínda que é certo que baixo a ameaza e a presión. En efecto, é esta existencia do reino de Galiza coa súa realidade esplendorosa, co maior avoengo e tradición, coa súa estratexia específica, cunha sede apostólica propia, a que segue latexando, malia non ter xa reis propios, desde 1230 até 1371, no mellor das súas clases dirixentes. Neste aspecto non hai solución de continuidade respecto do pasado, malia a integración na, a cada paso máis coñecida e aludida como, Coroa de Castela, para deixar clara a súa xerarquización. A estratexia que guiaba os pasos de Fernando II e os de Afonso VIII seguiu viva. Eles representaran o cumio dun reino de Galiza hexemónico no contexto dunha realidade peninsular cristiá definida politicamente desde a plurinacionalidade: Galiza-León, Portugal, Castela-Toledo, Nafarroa, Aragón-Catalunya. Resulta evidente que aspectos básicos da súa forma de actuar seguiron alimentando e orientando a conduta da clase dirixente galega, nesta etapa cos Castro á cabeza. Por iso deberon padecer ataques sinistros ou mesmo a morte, como Estevo Fernandes de Castro ou Fernán Ruys de Castro, respectivamente. Acontece, e é importante telo presente, que, desde 1230 hasta finais do século XIV, e máis tarde até finais do século XV, embora de forma máis fráxil e atomizada, o reino de Galiza ten un peso, na monarquía plurinacional, co que hai que contar, malia a súa inadaptación e rebeldía cumpra combatelas para domesticala. Non é casual, nin debe pasarse por alto, que os monarcas do século XIV, após Sancho IV e Fernando IV, isto é, Alfonso XI (X) e Pedro I acaben por se apoiaren na clase dirixente galega para reducir a influencia e presión que sobre eles exercía ou pretendía exercer a clase dirixente castelá. A vitalidade política de Galiza tiña moi fondas raíces.

Desde a nosa perspectiva e facendo unha análise plurinacional da situación na segunda metade do século XIV  (Rodríguez , T.II: 2022) é perceptíbel, no caso de Afonso XI (X), que  logrou estabilizar a situación interna en Castela e Andalucía, grazas á súa alianza con Pedro Fernandes de Castro, que representaba a estabilidade do reino de Galiza. Fíxoo, após superarse unha etapa conflitiva, durante o reinado de Sancho IV e a rexencia de María de Molina, que conducira á separación momentánea de Galiza e logo a unha intervención armada contra quen representaba a inadaptación e rebeldía do reino, Fernando Ruys de Castro, pai do citado Pedro Fernandes de Castro, morto combatendo os exércitos casteláns cabo de Monforte. Só tendo presente o grande poder e o grande avoengo e prestixio dos Castro na Galiza, e a protección e amparo que o neno Pedro achou en Portugal no rei Dinis, pódese entender non só que puidese regresar a Galiza, senón a devolución que se fixo do seu patrimonio e dos títulos, reinando xa Fernando IV e sobre todo co rei Alfonso XI (X). Verdade é que a estabilidade, finalmente lograda por este,  non eliminou os problemas de fondo. Ficaron hibernados, pois había unha pugna clara en relación coas estratexias internas e externas a seguir pola Coroa, que afectaban mesmo a quen debía ser o rei, pois se impugnaba a liña sucesoria seguida após a morte de Alfonso X (IX). É dicir, a división da oligarquía castelá tiña por causa unha  que abranguía tamén os membros da familia real, e atinxía a un problema de lexitimidade.

Co fillo de Alfonso XI (X), Pedro I, todas as contradicións internas estouraron, nada máis iniciarse o seu reinado. Comprobou, desde o primeiro momento, que, se quería subsistir, non só non debía mostrar debilidade senón exercer a súa autoridade lexítima con radicalidade fronte ao desacato e a provocación que non agochaban as aspiracións e desexos dos seus inimigos (os falsos Trastámara, os seus irmáns bastardos, con Enrique á fronte, e o groso da nobreza laica e eclesiástica castelá): a súa anulación ou mesmo eliminación física como rei. Esta dinámica non fixo máis que radicalizar as condutas e as situacións entrando nunha espiral de violencia que desembocou nunha guerra civil en Castela e anexos, onde o trastamarismo acadou axiña corpo social, con Enrique como aspirante ao trono, unha guerra fratricida, a morte, inserida finalmente nun conflito de ámbito europeo: a Guerra dos Cen Anos. O sintomático é que o reino de Galiza e a súa clase dirixente, con Fernando Ruys de Castro, un nome ben evocador, fillo de Pedro Fernandes de Castro, se converteron no bastión, no principal apoio, do monarca lexítimo.

Non foi casual. Detrás de cada bando había estratexias, obxectivos políticos, concepción económica, social, cultural e relixiosa, diferenciadas. Ten interese anotar que o trastamarismo respondía a unha reacción señorial e eclesiástica descontenta coa proclividade real a protexer os xudeus e as súas funcións, incluído o seu acceso e control da Facenda Real, a respectar a convivencia cos musulmáns, incluída a alianza co rei mouro de Granada, a impulsar o comercio e o desenvolvemento urbano e a practicar una relixiosidade non dogmática. Por se fose pouco, na monarquía plurinacional, o trastamarismo apostaba pola clara, expresa, hexemonía do reino de Castela no seu interior e en relación cos outros reinos peninsulares. A alianza con Portugal de Pedro I, incluídos os proxectos de matrimonio das súas fillas con infantes portugueses, e a súa, cada vez maior, dependencia de Fernando de Castro e do reino de Galiza, exasperou aínda máis a quen tiña como eixo básico da súa aspiración o control da Coroa en beneficio señorial e  eclesiástico, da centralidade do reino de Castela e a súa hexemonía interna, e dunha concepción cultural e relixiosa claramente excluínte dos xudeus e musulmáns. Non é de estrañar que os seus aliados internacionais fosen o Papa, Francia e Aragón, unha triade unitaria da cristiandade naquel momento.

Desde logo, a posición dos Castro ao longo destes dous séculos que Galiza non contaba xa con reis propios,  recolle os ecos do que fora a política estratéxica seguida por Fernando II e Afonso VIII (IX) de Galiza e León, incluída a aproximación a Portugal coa vista posta na unidade. Agora, noutro contexto temporal e histórico, dentro da propia monarquía que abrangue varias realidades protonacionais diferentes ben definidas, aboia precisamente o conflito de fondo que se produciu, xa a comezos do século XIII, entre a emerxente Castela (a do seu Alfonso VIII, a súa filla, a raíña rexente Berenguela, e a do seu fillo Fernando III) e o reino de Galiza e León. Sen dúbida, agora estaba tamén en cuestión a relación entre monarquía centralizada e os reinos que representaba,  a base cultural e lingüística, e a concepción relixiosa que debían sustentala, o que puña no primeiro plano a alternativa da igualdade ou da subordinación nas relacións. Sen abandonar o hexemonismo interno de Castela, non me cabe a menor dúbida de a opción de Pedro I representar unha rectificación a favor dunha maior igualdade, por predisposición e por influencia de quen apostou e lle prestou apoio firme: o reino de Galiza, o señorío de Biscaia, Guipuscoa, e unha parte de Andalucía (o reino de Sevilla). O lexitimismo petrista recollía boa parte das aspiracións históricas do castrismo, isto é, da clase dirixente galega nucleada, nos tempos de Pedro I, arredor de Fernando Ruys de Castro, mordomo e alférez real, e finalmente recoñecido co título de Conde Trastámara, en xuño de 1366, nunha cerimonia de grande simbolismo político, en Santiago, nun momento crítico en que só Galiza ficaba libre do dominio trastamarista.

Co castrismo chegouse, desde a perspectiva da alianza de clases no reino da Galiza, a un punto álxido, de maneira que podemos catalogalo de auténtica alianza nacional-popular, pioneira e singular no contexto peninsular e mesmo relevante no europeo de entón. Nada menos que conformou esta alianza a converxencia de intereses entre un importante sector da nobreza galega, desde logo a de maior peso, avoengo e poder, con Fernando Ruys de Castro en cabeza, como líder indiscutido, e toda a rede vasalática ao seu servizo, e os burgueses da maioría dos núcleos urbanos, con actividade comercial importante: Santiago, Lugo, A Coruña, Monforte, Viveiro, Pontevedra, Tui, Ourense…Isto significaba o apoio dos concellos ao castrismo e a súa oposición a calquera intento trastamarista por usar o poder señorial dos bispos ou arcebispo onde os houber ao seu favor, co que disputaban moitas veces o goberno da respectiva cidade. Hai que dicir que a maioría da Igrexa na Galiza, agás o caso moi relevante de Suero Gómez de Toledo en Santiago, mentres non houbo a invasión multinacional trastamarista para impor o seu dominio no reino, após a batalla de Porto de Bois a comezos de 1371, mantívose a favor de Pedro I e do castrismo. Un caso paradigmático e sobresaliente foi o de Pedro Lopes de Aguiar, bispo de Lugo, que mantivo firme o seu criterio fronte ao trastamarismo triunfante e as súas ofertas e mercés. Outra diferenza notábel verbo da Igrexa de Castela. Endebén, un dos efectos máis incisivos do triunfo trastamarista foi o de colocar á fronte de importantes cargos eclesiásticos, arcebispado de Santiago e bispados de Galiza, persoas de fóra e adeptos á nova dinastía. Unha práctica política que foi en ascenso, sobre todo no arcebispado compostelán, malia, durante o século XV, existir algunha excepción notábel, non só por galega senón pola actitude mantida verbo do idioma e do propio país, caso de Álvaro de Isorna.

Hai quen pensa que a nobreza, naquel contexto histórico tamén, era unha clase por natureza incapacitada para promover calquera tipo de mudanza dentro do sistema feudal e moito menos para favorecer alianzas con outras clases sociais a prol de obxectivos partillados. Semellante percepción equivale a sancionar que non houbo durante todo o antigo réxime conflitos, contradicións e conxunturas que orixinasen respostas sociais inusitadas. Desde logo, en diversas partes de Europa producíronse, nalgún momento,  alianzas nacional-populares entre algún sector da nobreza e da burguesía. Esixe ductilidade e capacidade para adaptarse e impulsar mudanzas por enriba dos intereses dunha nobreza parasitaria e estática. Para alén diso, non resulta difícil comprender que houbese sectores da nobreza dispostos a abrírense a un certo aburguesamento, a cambio de manter o seu papel reitor. Non imos, polo demais, subliñar que a historia demostra que membros dunha clase social opresiva determinada poden optaren por condutas e prácticas revolucionarias, converténdose en líderes de movementos populares, precisamente pola súa lucidez intelectual e política, dentro dunhas experiencias específicas, que os aboca a ser disonantes. Hai tamén a confluencia, en determinadas conxunturas, dos intereses fronte a terceiros, tanto no plano nacional como de clase. Non negamos con esta aseveración o carácter opresivo do sistema feudal señorial: afirmamos que existía, nun momento conflitivo na Galiza,  unha mudanza que, sen cambiar cualitativamente o sistema, o diversificaba e facía entrar nunha dinámica de osmose entre dúas clases sociais, provocando maior desenvolvemento urbano e das actividades mercantís, artesanais, científicas e culturais, máis posibilidades de liberación ou ampliación do seu marco de actuación para o mundo campesiño. A economía monetaria expandíase así dunha forma inusitada, coa nobreza involucrada nas actividades mercantís, bancarias, e a súa vida máis vinculada ás cidades e vilas. A proba do algodón, para xulgar se se estaba a producir este fenómeno na Galiza do século XIV, é comprobar se a estratexia política seguida polas clases dirixentes galegas, unha boa parte da nobreza de máis avoengo como reitora, corresponde a ese obxectivo. Queremos dicir se, por enriba dos intereses individuais e de clan, optou por alianzas para impulsar transformacións, máis alá dos grupos nobiliarios. Tamén se esta conduta respondía a un pensamento, en parte, novidoso respecto do feudalismo tradicional, no aspecto cultural, científico, artístico e relixioso. E, por último, porén, non menos importante e significativo, se lograron dotar de cohesión social, representativa do reino de Galiza, por tanto nacional, o movemento político do que personaxes como Fernando Ruys de Castro foron cabeza e referencia. Todo indica que así foi, especialmente esta cohesión social e nacional do movemento e o papel de personaxes como Fernando.

Nesta etapa histórica, non contando Galiza cun poder monárquico propio, foi de vital importancia a actitude e o papel dalgúns sectores nobiliarios que actuaron como clase dirixente do reino. Desde o século XIII, os Castro actuaron como señores do reino de Galiza.  Despendido o século XIII e iniciado o XIV, o liderado foi de Fernando Ruys de Castro.  Este,  avó do homónimo que terá un papel decisivo con Pedro I, tiña manifesta proclividade a reducir o poder señorial dos bispos, como o de Ourense, para amparar os franciscanos e o seu cristianismo máis evanxélico e favorecer o goberno da cidade polo concello. Acabou converténdose finalmente no adaíl da aposta pola independencia de Galiza, dando a súa vida en combate contra os exércitos casteláns en 1306. Seguidamente asistiremos a outro grave conflito no que vemos Afonso Soares de Deza, entre 1316 e 1320, que fora o adiantado maior de Galiza, entre 1311 e 1312, e nese momento era o mordomo do Príncipe Felipe, á fronte da reivindicación dos burgueses composteláns que mantiñan un duro pulso por manter o goberno da cidade co novo arcebispo Berenguel de Landoira, dominico francés, pola súa pretensión de recuperar o señorío arcebispal sobre a mesma. O desenlace foi tráxico. No curso dunhas negociacións o 16 de setembro de 1320, no castelo da Rocha, onde Berenguel habitaba, Afonso Soares e os burgueses que o acompañaban foron vítimas dunha trampa mortal por parte da milicia do arcebispo. Este contaba co beneplácito e a conivencia do Papa de Avignon, en alianza e acordo coa rexente María de Molina, no obxectivo de restaurar o seu señorío na cidade, malia a amizade e o aparente apoio do príncipe Felipe a Soares e ao concello. De feito, revélase un duplo xogo da Coroa, durante un espazo de tempo breve, alimentando o príncipe Felipe a pretensión burguesa da cidade considerarse de reguengo, é dicir, directamente dependente do monarca, e á vez María de Molina actuando, conforme ao acordado co Papa e o propio Berenguel, a favor deste e o seu señorío sobre a cidade. Non deixamos de albiscar o recurso a unha estratexia que pretendía debilitar a capacidade das clases dirixentes do reino de Galiza a controlalo e á vez valerse da estrutura do poder eclesiástico de Roma para instaurar, reforzándoos, poderes favorábeis á monarquía castelá. Soares de Deza, inicialmente,  acreditou nunha trapela. Creu de boa fe que a monarquía apostaba por estabelecer a dependencia directa dela dunha urbe e concello de tal envergadura no canto de que fora dependente do señorío eclesiástico do arcebispo. Porén, ambos poderes eran complementarios e funcionais un ao outro, dentro do deseño monárquico castelá  da mutua identificación.

Como xa analizamos (Rodríguez, T. II: 2022), os Soares de Deza representaban moi ben ese proceso de aburguesamento, coa súa incidencia non só nas terras do Deza, senón en Compostela e Pontevedra. De feito, a fins do século XII, fora arcebispo de Santiago Pedro Soares de Deza, un familiar de Afonso, durante cuxo pontificado se rematou o Pórtico da Gloria. Non deixa de ser un síntoma que o acordo entre o arcebispado e o concello de como xestionar o goberno da cidade fose máis factíbel cando eran membros da clase dirixente galega quen o ocupaba. De feito así ocorreu mentres o ocupou Rodrigo de Padrón (1305-1316). A rebelión burguesa comezou precisamente este último ano e durou até setembro de 1320, impedíndose o asentamento de Berenguel na cidade, desde 1318, que chegara a Melide. Antes, durante varios anos, Soares de Deza fora o responsábel de toda a arquitectura de fortificacións defensivas da Terra de Santiago. Posibelmente os Soares de Deza formasen parte da rede vasalática de Fernando Ruys de Castro, o que tiña combatido o exército do Príncipe Felipe, morrendo no campo de batalla, e que até entón, 1305, fora pertigueiro da Terra de Santiago.

O último Castro orixinario, auténtico, homólogo, por vontade e decisión de identificación coa persoa do seu avó e de emulación do seu papel, asumindo mesmo un destino tráxico, foi  Fernando Ruys de Castro, Fernando Peres de Castro ou Fernando de Castro, a secas, cun nome tan evocador,  grato, admirado e querido dentro da liñaxe que evoca desde o fundador até sucesivos personaxes da saga que viviron momentos estelares, en defensa da existencia do reino de Galiza. Representaron a continuidade dunha liña estratéxica que fixese posíbel a súa permanencia e o seu desenvolvemento no tempo con capacidade para decidir e impulso dunha dinámica económica e social interna, que excedese o dunha clase social, con lexitimidade de ser dirixente, a nobreza, porén, obrigada a atender e asumir as mutacións que os tempos esixían.

Hai que estar moi cegos para non detectar a frecuente proclividade dos Castro á heterodoxia no seu comportamento, en especial en conxunturas críticas e decisivas de definicións cara ao futuro.  Observaremos que sempre a motivación da súa conduta está relacionada coas seguintes cuestións: a capacidade de decisión e como garantir o futuro do reino de Galiza, incluído o recurso á independencia; a reintegración ou forma de recuperar a unidade con Portugal; a alianza coa burguesía e a conformación dun movemento nacional-popular, que, como tal, tiña unha compoñente de revolta social mesturada con outra de defensa do reino; a resistencia a involucrarse nas estratexias papistas e nas concepcións relixiosas dogmáticas e excluíntes, opóndose, coa lóxica consecuencia, á consideración dos mouros e dos xudeus como herexes e ilexítimos habitantes da Península; por último, unha fidelidade lingüística á lingua propia do reino, aínda coa a relación e a convivencia coa monarquía de cerne castelá, desde a integración do reino de Galiza. Delimitaron o espazo de comunicación propio e expresaron o seu poder no interior en galego, e mantendo o uso deste no diálogo fóra por escrito, e seguramente oralmente, cando se trataba de negociar acordos entre partes que se consideraban iguais a estes efectos. En todas estas cuestións, o último Castro da liña orixinaria, auténtica e galega, Fernando de Castro, é un modelo, de entrega, responsabilidade, coherencia e visión de futuro. Na conxuntura crítica da segunda metade do século XIV, o trastamarismo representaba, en case todo, a antítese do camiño escollido e mantido con dificultades, desde que Galiza deixou de ter reis propios, pola súa clase dirixente máis consciente, cos Castro á cabeza. 

Galiza foi o epicentro da resistencia antitrastamarista e Fernando Ruys de Castro, o dirixente máis temido, odiado e perseguido, para alén de respectado, polos trastamaristas. O reino de Galiza foi o último en sucumbir ao trastamarismo, aos falsos Trastámara (topónimo e condado galego, o de máis avoengo de todos os reinos cristiáns). Outro sarcasmo da historia. A nova dinastía castelá. Fixo falta invadirnos cun exército multinacional, invadir tamén Portugal e obrigar o rei portugués Fernando I á expulsión dese reino de todos os refuxiados castristas, que mantiñan a actividade subversiva no reino de Galiza, após a derrota de Porto de Bois (1371). Máis de 500 persoas, das clases dirixentes, as súas familias e vasalos, tiveron que exiliarse para Aquitania, sobre todo, entón en mans inglesas. Comezou así unha nova fase da historia de Galiza. Foi, agora si, o inicio da subordinación, o inicio da dependencia, da anormalidade política, cultural e lingüística. O proceso foi lento, conflitivo, con moita resistencia. Durou máis dun século para a doma consumarse.

No século XV o reino de Galiza non perdera, malia todo, a súa vitalidade social. Porén, era todo máis caótico, con máis instrumentos internos ao servizo do exterior, cunha conflitividade social que desembocaba en frustración. Ás veces os poderes externos impulsaban e apoiaban a revolta contra os poderosos internos, para debilitalos, aliándose logo con eles na represión, cando a furia popular, burguesa, labrega, chegaba a resultar perigosa. A Galiza do século XV parece un país de todos contra todos. En aparencia, dá a impresión de estar á marxe da Coroa, como se fose algo alleo. Porén, hai unha directriz inequívoca que os Reis Católicos acabaron consumando co uso da violencia extrema, logrando a submisión con castigos exemplares a membros de sectores que non renunciaran a actuaren como dirixentes, e coa aplicación dunha represión social que abrangueu, desde a política impositiva, ate a orde pública, o desterro de señores conflitivos, a leva de exércitos para a guerra de Granada, as mudanzas administrativas e o estabelecemento de institución que garantisen a dependencia do exterior, con persoas estranxeiras á fronte, incluída toda a estrutura eclesiástica do país. Os seus cronistas e as disposicións reais non deixan lugar a dúbidas. 

BIBLIOGRAFÍA

  • Carriedo Tejedo, M., «Gallaecia y Galicia (I)». Rudesindus, nº 12, (2019), pp. 37-92.
  • ———————- «Gallaecia y Galicia (II)», Rudesindus, nº 13, (2020), pp. 115-234.
  • González, J.(1943), Fernando II. Madrid: CSIC.
  • Historia Silense (1921). Versión castelá de Manuel Gómez Moreno.
  • Jiménez de Rada, R (1893): Historia de las cosas de España. Trad. de De rebus Hispaniae, versión de Gonzalo de la Hinojosa (século XIV). Colección de Documentos Inéditos para la Historia de España, T. CV, Madrid. En Clásicos de Historia, 123. http://clasicoshistoria,blogspot.com.es.
  • Ladero Quesada (1998): «La Reconquista y el proceso de diferenciación política (1035-1217», en Historia de España, de R.M.P, T. IX, Madrid.
  • López Ferreiro, Antonio (1901): Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago, T. IV, pp. 311-349.
  • ————————–(1902): Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago, T. V, pp. 7-44.
  • Menéndez Pelayo, Marcelino (1891): Antología de poetas líricos castellanos, II. Madrid.
  • Menéndez Pidal, Ramón (1950): «El Imperio hispánico y los cinco reinos», I e II, Revista del Instituto de Estudios Políticos, nº 49 e 50, Madrid.
  • Ortega Rubio, Juan (1908): Historia de España, 2 T. , Madrid.
  • Primera Crónica General o Estoria de España [ed. Menéndez Pidal], 1906.
  • Rodríguez Sánchez, Francisco (2022): Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). T II. Un reino con clase dirixente, Santiago.
  • Salazar de Mendoza, Pedro (1770): Monarquía de España, T. I, Madrid.
  • Tui, Lucas de (1926): Crónica de España [Julio Puyol, ed.], Real Academia de la Historia.
  • Vicetto, Benito (1872): Historia de Galicia, T. V, Ferrol.

Pode que che interese:

Sancha e Dulce, as raíñas que puideron ser

A confrontación con Castela marcou a historia da Galiza desde mediados do século XI. A esta dialéctica responderon as diversas alternativas defendidas polas nosas clases dirixentes até a separación da área castelá do reino galego, formulada, primeiramente, polos monarcas Fernando I e Sancha I e sancionada polo seu neto Afonso VII. Nesta dinámica, a morte de Afonso VII abriu a porta a comezo da incorporación subordinada do Reino de Galiza á Coroa Castelá.

O galego no Reino de Galiza. Un idioma para un territorio marxinal?

Se ben é certo, que nos estudos sobre a lingua e nos manuais académicos adoitamos tocar a evolución da lingua galega ao longo dos séculos, semella contraditoria a crenza que di que o galego foi un idioma de prestixio no contexto da inexistencia dun Reino ou no mellor dos casos, da súa existencia mais cun papel meramente marxinal.

1 comentario en “Unha interpretación da historia medieval da Galiza”

  1. CITAÇÃO
    “Sancho, após caer García, é presentado como «Don Sancho de Castiella et de Gallizia et de Portogal» (ibidem: 505), sen aludir para nada á súa categoría de rei. E como se Galiza e Portugal fosen no século XI dúas realidades políticas diferenciadas.”
    De facto, já no século X, nas fontes cristãs e árabes para além das referências à Gallaecia e muito evidentemente aos reis de Oviedo e Oviedo-Leão como seus tenentes, o Ramiro (II) porque tinha a sua base em Viseu ao sul do Douro antes de se tornar rei em Oviedo-Leão na Gallaecia era denominado Senhor ou Domno do Portugalensis Territorium.
    Para os árabes esse território nitidamente distinto da Gallaecia ao norte do Douro era denominado Burtugali.
    Isso foi assim até às investidas no final do século X por parte do Almançor, ficando novamente o Douro como a fronteira cristã galaica versus portucalense.
    O Portus Cale e Cale eram uma espécie de ponto de inflexão entre duas realidades distintas apesar de serem próximas cultural, histórica e linguísticamente nas suas fronteiras a norte e a sul, nomeadamente desde Vigo ou Tui (Gallaecia) até Viseu, Lamego e Norte de Coimbra (Portugale) na sua parte mais litoral.
    Essa dicotomia de inflexão foi apercebida pelo Fernando I após conquistar Coimbra em 1064. E convenhamos que Coimbra não era uma cidade de menor importância no contexto peninsular. Coimbra é um ponto importante de ligação de Via Atlântica de Braga a Lisboa com a Via da Prata de Merida a Astorga. Ora isso representa a área nuclear de Portugal na actualidade e nessa época representa a inflexão territorial entre a Gallaecia e a Lusitânia ou se quisermos referir as crónicas medievais cristãs ou arabes, Portugale ou Burtugali.
    Não confundir Portugale ou Burtugali com a cidade e bispado do Porto, Portucale que deu titularidade ao Vimara Peres.
    Portugale, Burtugali, Portugaliae ou Portugalensis territorium era o vasto território ao sul do Douro de Coimbra, Lamego e Viseu, definitivamente consolidado por Fernando Magno em 1064 e que no ano seguinte o atribuiu ao filho mais novo, Garcia como parte integrante do seu reino somado à “Galiza” que neste caso era dois terços da Gallaecia global, porque não possuia a parte asturo-leonesa, asturiana ou asturicense que coube ao outro irmão do meio, o futuro Afonso VI de Toledo.
    E porque o irmão mais velho era o Sancho, tocou a este a legitima paterna hereditária do Fernando Magno, Castela condado ou a partir daí reino de Castela.
    Claro que interessava a ambos os irmãos do Garcia a “Galizia” ou Gallaecia ocidental porque naquela época foi o Garcia o primeiro a ter restaurada uma metrópole eclesiástica cujo significado perante a Santa Sé é uma independência ratificada de um território de seu.
    Mas para surpresa de ambos os irmãos do Garcia e de todos os galegos actuais, essa metrópole não se situava na monstruosa e monumental Compostela do Apóstolo Jacob.
    Não. A metrópole histórica da Gallaecia, de toda a Gallaecia, incluída a parte Asturo-leonesa, e então restaurada era em Braga desde 1070.
    Este simples facto aliado ao direito de conquista do Garcia do resto sul da Lusitânia ou Taifa de Badalhouce e a 15 anos da conquista de Toledo era uma provocação para o Afonso de Leão e uma afronta ao primogénito Sancho de Castela.
    Nem um nem o outro tinham nos seus domínios algo que se assemelhasse com uma metrópole histórica perante os papas.
    Dito isto, cabe interpretar hoje que a singela existência de Burtugali naquela altura ao sul do Douro não era uma questão de somenos porque conquistada a taifa de Badalhouce logo se seguiria Mérida e muito provavelmente Sevilha.
    Neste fio um reino do filho mais novo do Fernando Magno com três metrópoles cristãs de três províncias romanas distintas era uma afronta ibérica para os pequeninos reinos do norte oriental dos seus irmãos.
    E isto mexe muito mais com o orgulho burtugalense que com o orgullo galego, leones, ou castelão dos dias de hoje.
    O reino do Garcia era por isso denominado Portugaliae et Gallaecia. Não era Gallaecia et Portugaliae nem era apenas Galiza como muitas vezes aparece escrito nestes foruns orgullosos e supressores da nomenclatura geográfica.

    Responder

Deixa un comentario